Tuesday 11 de March de 2025

Belén do Campo destaca o investimento de preto de 140.000 euros na mellora de infraestructuras rurais de Outes


 A delegada da Xunta avaliou co alcalde as aportacións da Xunta que serven para a mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas

 Na comarca do Barbanza recibiron estas axudas do Plan Marco 24-25 un total de 9 concellos por un importe de máis de 532.000 euros

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Outes, acompañada polo seu alcalde, Francisco Calo, e pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, e salientou alí o investimento de preto de 140.000 euros para varias intervencións ao amparo do Plan Marco de Mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas. Durante a visita o rexedor trasladoulle á delegada da Xunta a súa solicitude para contar cun camión motobomba en colaboración coa Concellería de Medio Rural. Belén do Campo agradeceu á disponibilidade do concello para adherirse aos convenios interadministrativos de prevención e defensa contra incendios forestais a través das brigadas municipais, tratamentos preventivos de xeito mecanizado e vehículo motobomba.

O Plan Marco, está dotado en Galicia con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supón o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, en Outes realizáronse tres actuacións cunha axuda de case 70.000 euros

O primeiro dos proxectos permitiu arranxar varios camiños en Terelle, cunha lonxitude de 530 metros con dobre rega asfáltica, cunha axuda da Xunta de 18.400 euros. O segundo, con 28.244 euros de orzamento, centrouse en 495 metros en Vilar de Outes e outros 365 metros en Brión de Abaixo que se renovaron con dobre rega asfáltica e 40 metros dun viario en Cambeiro de Arriba con capa de rodaxe de formigón. Finalmente, a terceira obra, cun apoio do Goberno galego de 23.250 euros, permitiu a mellora de 210 metros do camiño de Serra de Outes, outros 250 metros dun vial en Ousesende e 235 metros en Seilán, todos foron arranxados con dobre rega asfáltica. En total, máis de 2,1 quilómetros.

Estes investimentos únense aos realizados, na convocatoria 23-24, de máis de 69.200 euros que permitiu a mellora do acceso a Lestaio (Valadares) e do camiño de Cambeiro a Cures.

Comarca Barbanza 24-25
A delegada da Xunta informou que na comarca do Barbanza recibiron, no 24-25, estas axudas 9 concellos (Outes, Porto do Son, Mazaricos, Rianxo, Ribeira, Carnota, Boiro, Noia e Lousame) por un importe total de máis de 532.000 euros e na provincia da Coruña recibiron estes apoios 83 concellos por un importe de 5,2 millóns de euros.

Esta orde promove a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas co fin último de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

Durante o período 2016-2024 contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais e a provincia da Coruña foi a que máis importe económico recibiu desta iniciativa na etapa mencionada, superando os 40 millóns de euros, e polo tanto, na que máis actuacións se produciron.

A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”.

Nova convocatoria
Durante a visita a delegada lembrou que o novo Plan Camiña Rural, que pechou recentemente a súa convocatoria, da Consellería do Medio Rural para o período 2025-2026, está dotada con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios. O investimento está distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns de euros para 2025 e 9,99 millóns para 2026. Este programa ten como obxectivo financiar as actuacións de mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas.

Todos os concellos de Galicia poden ser beneficiarios destas axudas, pártese dunha asignación fixa por localidade que se incrementa en función do número de entidades de poboación, criterios de agrariedade e outras cuestións vencelladas coa superficie e a localización do municipio. Outes contará nesta nova convocatoria cunha asignación máxima de 71.478 euros e os 11 concellos da comarca do Barbanza con máis de 654.000 euros en total.

En definitiva, serán subvencionables as actuacións de ampliación, que supoñan un incremento da lonxitude dos camiños, que incidan na seguranza viaria e permitan o cruce de vehículos; de mellora, para reforzar o firme existente coa incorporación de novas capas e a adecuación de obras de paso de cursos fluviais; e o mantemento do firme e as súas marxes.

Deja un comentario