
O Partido Popular acaba de amosar outra vez como pretende tirar rendemento electoralista da súa propia desidia.
Esta mesma semana, o portavoz municipal do Grupo Popular no Concello de Santiago, cunha clara falta de decencia política e de utilización partidista das institucións colocouse como protagonista dunha reunión convocada pola Consellería de Agricultura para tratar da concentración parcelaria do monte das parroquias de Figueiras e Villestro.
A veciñanza leva décadas agardando polo impulso desta concentración. As asociacións veciñais destas dúas parroquias dirixíronse en moitas ocasións á Consellería de Agricultura e á Presidencia da Xunta de Galiza para demandar que se complete un proceso iniciado en 1991. Constan sen resposta escritos presentados en 2011, 2012, 2015, 2017 e 2018.
En setembro de 2018, o Grupo Municipal do BNG presentou unha moción ao Pleno do Concello para que se instase á Xunta a completar o proceso. Esta moción foi aprobada o 20 de setembro cos votos favorábeis de todos os grupos excepto o do Partido Popular, que agora quere apuntarse o tanto.
Un mes máis tarde, as asociacións veciñais volveron dirixirse á Xunta de Galiza e, esa vez si, o 4 de decembro foron citadas a unha xuntanza na Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural na que, como toda resposta, obtiveron a recomendación de que fose a propia veciñanza a que organizase a concentración do monte de xeito privado. A raíz desta falta de interese, dirixíronse ao Parlamento de Galiza para solicitar de todos os grupos o seu apoio. Como resultado das súas xestións, o 20 de febreiro do 2019 a comisión 7ª do Parlamento, de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes acordou unanimemente instar á Xunta de Galiza a rematar a concentración parcelaria iniciada no 1991 e con bases definitivas aprobadas no 2009. Mais a Xunta de Galiza continuou sen actuar.
En xullo de 2019 o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego presentoulle ao Pleno do Concello de Santiago de Compostela unha nova moción co mesmo fin, que tampouco tivo resposta positiva por parte da Xunta.
En outubro do 2019 as asociacións veciñais volveron demandar, esta vez á Presidencia da Xunta, o cumprimento do acordo parlamentario. A única resposta foi por escrito, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, recomendando o método privado e deixando clara a total falta de intención da Xunta de Galiza por resolver esta histórica demanda.
En febreiro de 2020, é de novo o Bloque Nacionalista Galego quen pregunta ao Pleno do Concello sobre os trámites realizados polo Goberno municipal para dar cumprimento ao acordo de xullo de 2019.
Este extenso relato dá conta da prolongada desgana do Partido Popular, que agora se transforma en acto propagandístico do seu portavoz municipal Borja Verea, colocándose á fronte dunha delegación da Xunta de Galiza para tratar coa veciñanza desta demanda.
O BNG, agora á fronte do Goberno municipal, estivo e está coas demandas veciñais, prestouse a colaborar coa Consellería de Agricultura no proceso que debe desenvolverse e agarda que a concentración sexa por fin unha realidade, por encima do rédito electoralista que o PP quere tirarlle.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.