Tuesday 11 de March de 2025

Coruña Marítima agradece aos cidadáns a súa rápida participación con suxestións para o futuro do porto e da cidade


Tras a apertura o pasado xoves do “buzón” de suxestións na web www.corunamaritima.com, xa se recibiron 20  propostas, e o prazo segue aberto durante un mes 

A práctica totalidade son suxestións construtivas  relativas a melloras na mobilidade e a creación de novos  equipamentos públicos  

O proceso de participación cidadá continuará nas  próximas semanas co Foro Coruña Marítima e cinco  talleres temáticos previos 

O proceso de participación cidadá que se puxo en marcha dentro do proxecto  Coruña Marítima comezou de forma moi positiva, xa que nas primeiras 48 horas  recibíronse 20 propostas remitidas por entidades e cidadáns particulares. 

O pasado xoves púxose en funcionamento a web www.corunamaritima.com,  cun “buzón” de suxestións, e só nos dous primeiros días recibíronse as  mencionadas 20 propostas. Dous delas refírense a cuestións vinculadas a  administracións concretas, á marxe do ámbito da fachada portuaria, e foron  remitidas a estas institucións. As restantes son na súa práctica totalidade  achegas de carácter construtivo, nas que se solicita a incorporación de  equipamentos sociais, culturais, recreativos ou deportivos, así como melloras na  mobilidade, entre outras propostas. 

Desde a Comisión Coruña Marítima (integrada polo Concello da Coruña, Xunta  de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado,  ADIF e a Autoridade Portuaria), quérese transmitir unha mensaxe de  agradecemento aos cidadáns pola súa rápida participación, que ademais se lle  está expresando por escrito a cada un deles. Con todas as suxestións realizarase 

un informe final, e serán ademais trasladadas ao equipo técnico que redactará o  prego para convocar o concurso do Máster Plan que definirá o futuro dos  espazos portuarios e ferroviarios do porto interior. 

Por iso, anímase aos coruñeses a seguir realizando achegas mediante o “buzón”  de suxestións, durante o prazo dun mes, para solicitar opinións sobre o que  necesitan o porto e a cidade do futuro, sen limitacións motivadas por criterios  económicos ou urbanísticos. 

Este proceso participativo, que incluíu o envío das Bases Estratéxicas do  proxecto a máis de 800 colectivos e a súa publicación na páxina web, continuará  durante as próximas semanas co Foro Coruña Marítima e cinco talleres  temáticos previos, co mesmo obxectivo de favorecer a participación cidadá e  solicitar achegas. 

Con todo iso, prevese convocar a continuación o concurso internacional  multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos  espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo,  flexible e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo,  contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.

Deja un comentario