Monday 10 de March de 2025

O Concello abre este martes o prazo para inscribirse na segunda “Xuntanza de mulleres de Neda”


Terá lugar o 30 de marzo no centro cívico, e incluirá xantar e música

O Concello de Neda abre mañá o prazo de inscrición para a segunda edición da “Xuntanza de mulleres de Neda”. A iniciativa de lecer, na que ademais se recoñecerá o labor dunha das asociacións de mulleres do municipio, terá lugar o domingo 30 de marzo, e reunirá ás veciñas ao redor dun xantar, con música no tempo da sobremesa.

A actividade desenvolverase no centro cívico, a partir das 14 horas, e concíbese como unha escusa para animar ás mulleres a aparcar por unhas horas a vida e responsabilidades familiares para pasalo ben, compartindo un tempo de lecer con outras mulleres da súa e doutras xeracións.
O menú previsto para a ocasión constará de gambón, carne asada, sobremesa e café, e non faltará tampouco a bebida para acompañar. E unha vez rematado o xantar, un pouco de música en directo para botar unhas pezas.

Para finalizar, o Concello quere aproveitar esta “Xuntanza de mulleres de Neda”, incluída na programación especial deseñada con motivo do 8M, para recoñecer publicamente o traballo da veterana Asociación de mulleres Val do Belelle.

As mulleres que queiran desfrutar deste encontro terán que apuntarse nas oficinas de Servizos Sociais do municipio. O cota de participación de 25 euros. Durante esta semana só poderán anotarse veciñas de Neda. No caso de haber vacantes, logo poderán sumarse mulleres doutros municipios. O prazo para anotarse finalizará o día 21 ou antes, no caso de que se esgoten as prazas dispoñibles.
A actividade porá o broche de ouro á oferta de actividades polo Día da Muller, que conta co apoio do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Deja un comentario