
A actividade ten un prezo de 100 euros para as persoas empadroadas no municipio
O uso de fitosanitarios, xa sexan herbicidas ou outros produtos químicos, require dunha formación específica para garantir a seguridade tanto da persoa que os aplica como do medio ambiente. Unha formación avalada pola Xunta que, tras superar un sinxelo exame, serve para obter o carné de aplicación de fitosanitarios. O carné “de sulfatar” é o documento oficial acreditativo de que se teñen os coñecementos e habilidades necesarios para manipular e aplicar estes produtos de forma segura e responsable. Tras varios anos, e a raíz dunha proposta presentada no pleno municipal, o Concello coordinou a organización dun curso de 25 horas que se impartirá na Casa da Xuventude os días 5, 12, 18 e 19 de abril. As inscricións poden facerse a través do teléfono 684 074 065.
En Galicia, a normativa que regula o uso de produtos fitosanitarios baséase na lexislación estatal e europea, concretamente no Real Decreto 1311/2012, que establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable destes produtos. Para poder manipular e dar fitosanitarios, é obrigatorio obter o carné de persoa aplicadora, que se pode conseguir tras realizar un curso de formación homologado e superar unha proba de avaliación.
O curso básico que se ofrecerá en San Sadurniño no mes de abril -impartido pola academia @Proba- centrarase nos conceptos básicos dos diferentes tipos de produtos fitosanitarios, nos métodos de aplicación máis axeitados, as medidas de seguridade que se deben adoptar e a normativa vixente en materia de fitosanitarios. Ademais, as persoas participantes terán a oportunidade de realizar prácticas para familiarizarse co manexo destes produtos e os equipos de aplicación.
A actividade ten un prezo de 100€ para as persoas empadroadas en San Sadurniño e de 200€ para as persoas doutros concellos. Neste importe inclúense as horas de formación teórica a práctica, o exame (que haberá que aprobar obrigatoriamente para obter o certificado), a tramitación do carné e a inscrición da persoa titular no Rexistro Oficial de Produtores e Operadores (ROPO).
O número de prazas é limitado a 25, e é necesario un mínimo de 10 inscricións para que o curso se leve a cabo. É importante ter en conta que no caso de non superar o exame non será necesario pagar de novo a matrícula (no boletín Novas enviado ás casas indicábase, por erro, que se devolvería o importe).
As sesións desenvolveranse na Casa da Xuventude nas seguintes datas e horarios:
Sábado 5 de abril, de 08:00h a 15:30h
Sábado 12 de abril, de 08:00 a 15:00h
Venres 18 de abril, de 17:00 a 20:00h
Sábado 29 de abril, de 08:00h a 15:30h
Exame o venres 25 de abril (horario por concretar
As persoas interesadas en inscribirse poden chamar ao número de teléfono 684 074 065.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.