Monday 10 de March de 2025

Ponte… nas Ondas! prepara unha maratón radiofónica desde Compostela para conmemorar o seu 30 aniversario


▪ O acto terá lugar o mércores 26 de marzo desde a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e contará coa participación de De Vacas, ASTAROT ou a xornalista Tereixa Navaza

 A maratón radiofónica que estará conducida polas presentadoras do podcast O Faiado, contará coa participación de seis centros escolares da comarca

A Asociación Cultural e Pedagóxica, Ponte… nas Ondas! (PNO!) prepárase para celebrar o seu 30 aniversario desde diferentes puntos de Galicia e norte de Portugal. A asociación, que é ONG consultora de patrimonio inmaterial para a UNESCO, terá en Compostela un dos seus puntos de emisión, desde a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, nunha xornada de radio escolar na que a música popular e tradicional e os oficios artesanais terán un papel protagonista.

Serán seis centros de Santiago e da comarca os que participarán nesta xornada que contará coa actuación do grupo De Vacas así como da banda Astarot e o compositor Pablo Seoane. A xornalista Tereixa Navaza tamén participará nunha xornada de cinco horas de radio escolar na que tamén haberá lugar para outras formas de patrimonio inmaterial: o traxe tradicional e a ourivería.
Así, a Asociación do Traxe Galego que cumpre tamén neste 2025 as súas tres décadas de historia -ao igual que PNO!- achegará algunhas das peculiaridades das vestimentas tradicionais galegas e a Asociación Ourives de Compostela levará a historia dos prateiros e acibecheiros que, durante séculos, desempeñaron un papel fundamental no desenvolvemento de Compostela.

Unha xornada “moi compostelá”

Desde a organización do evento, definen como “moi compostelá e picheleira” esta xornada de radio escolar xa que, explican, “baixo a premisa de recuperar e divulgar o patrimonio cultural inmaterial, reivindicamos sobre todo as tradicións e saberes de Santiago” e poñen como exemplo a ourivería ou o traxe tradicional, así como os saberes da parroquia da Lavacolla que tamén serán abordados na xornada da man da Asociación de Mulleres Rurais da Sabugueira, na que tamén haberá momento para escoitar as músicas populares doutras zonas, como do concello de Ordes, a través das recollidas de Gustav Henningsen na década de 1960 e contará coa actuación do grupo de Cantareiras do Xulián Magariños (Negreira).

O programa, que será emitido en directo a través da web escolasnasondas.org, estará conducido polas presentadoras do podcast O Faiado e nel participarán o CEIP de Vite, o IES do Milladoiro e IES Xulián Magariños de Negreira, o CEIP Plurilingüe da Ramallosa, CEIP Plurilingüe A Igrexa-Calo, CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei, IES Ordes e dous grupos de estudantes da propia
Facom que están a traballar na actualidade en dous podcasts de recente creación, Bocazas con Encanto e Morriñan Podcast.

A xornada foi presentada este luns na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Na presentación participaron a vicedecana da facultade, Alba Silva; o director de AGADIC, Xacobo Sutil; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; o presidente de Ponte… nas Ondas!, Santiago Veloso; e tamén de PNO!, o responsable da organización do acto en Compostela, José Manuel Diego.

Máis de 60 centros educativos en toda Galicia

Máis de 60 centros educativos das tres etapas formativas, primaria, secundaria e universitaria participarándirectamente na programación de mañá do do día 26 de marzo, realizando programas de radio en directo, coa participación de persoas portadoras do PCI, artistas convidados/as e conexións con radios profesionais.

Desde a Costa da Morte (Vimianzo, Auditorio Municipal), Lugo (Auditorio Fuxan os Ventos), Santiago de Compostela (Facultade de Cinecias da Comunicación), Pontevedra (Pazo da Cultura), Ourense (Auditorio Marie Curie da Facultade de Educación), Vigo (Auditorio do Ed. Miralles), Valença do Minho (Alfândega) e Lisboa (Instituto Ginés de los Ríos), emitirase unha programación de 4 horas en directo desde cada un dos estudios e auditorios. Esta retransmisión “radiovisual” poderá seguirse en directo desde a web (www.pontenasondas.org) e o portal Escolas nas ondas (www.pontenasondas.org ).
En toda a programación haberá unha ampla e diversa participación de portadores do patrimonio cultural inmaterial, desde redeiras, alfareiros, contadores, regueifeiros…que serán entrevistados e realizarán en directo demostración dos seus saberes.

Ademais, artistas galegos e portugueses participarán en directo con actuacións e entrevistas. Estrearanse composicións expresamente elaboradas para este 30 aniversario. Xornalistas de diversos medios enviarán testemuños de apoio á experiencia de comunicación.

Deja un comentario