
A Comisión de Honras e Distincións, presidida por Gonzalo Castro, tamén aprobou a proposta de nomeamento de Ramón Núñez Centella como Fillo Predilecto
A Comisión de Honras e Distincións, reunida este luns en María Pita baixo a presidencia do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, aprobou por unanimidade a proposta feita pola alcaldesa, Inés Rey, de nomear a Rosa Otero, presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, como Filla Adoptiva da Coruña. Ademais, o órgano tamén aprobou con todos os votos a favor o nomeamento de Ramón Núñez Centella, impulsor dos Museos Científicos Coruñeses, como Fillo Predilecto.
“Desde o Goberno de Inés Rey queremos ter moi presente o papel destacado que ten Rosa Otero na cidade e recoñecer os avances que impulsou a prol da igualdade, sendo a primeira muller en conseguir este título”, indicou Castro sobre Otero. Ademais, o concelleiro tamén quixo poñer en valor a dedicación de Núñez Centella coa divulgación científica: “Moncho xa é unha persoa recoñecida internacionalmente polo seu importante papel á fronte dos nosos Museos e agora o Concello súmalle este distintivo polo seu traballo, moitas veces invisible cara a cidadanía”, indicou.
A proposta de ambos nomeamentos debaterase no vindeiro pleno ordinario, este xoves 13 de marzo. Rosa Otero Graña naceu en Santiago en 1940 e desenvolveu unha intensa vida no ámbito social . Presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, é tamén a presidenta da Asociación Antidroga Antonio Noche, desde a que leva moitos actuando para loitar contra a lacra da drogadicción.
Nacido na Coruña en 1946, Núñez Centella foi o gran impulsor dos museos científicos coruñeses, un modelo que hoxe segue plenamente vixente e que converteu A Coruña nun referente na divulgación científica recoñecido internacionalmente.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.