Saturday 16 de November de 2024

Eventos co gallo do Día da Muller en San Sadurniño


O Concello de San Sadurniño organizou para mañá -en colaboración co CPI- un maratón de lectura con textos conmemorativos do 8 de marzo no que participará o alumnado dos cursos de 3º e 4º de primaria do centro de ensino local. Será na Casa da Cultura entre as 12.30 e as 14.00h. e nesta actividade implicáronse, ademais do colexio, a Biblioteca Municipal e o departamento de Igualdade.

Cómpre lembrar que San Sadurniño adoita sacar do propio 8 de marzo os actos centrais do Día Internacional da Muller, que este ano se celebrarán o venres 18 a partir das 18.30h. -tamén na Casa da Cultura- cunha completa programación en feminino.

Ese día o evento arrancará cunha breve presentación por parte da titular da área de Igualdade, Ana Belén B. Gundín para despois darlle paso á proxección da curtametraxe “O tempo da mazá”, dirixida polo realizador Miguel Mariño dentro do proxecto Chanfaina Lab.

O programa incorpora a dramatización do conto “As mulleres de Torneiros” a cargo do grupo A Tropa de Trapo. A historia describe un traballo de equipo e de amizade onde varias mulleres comparten anécdotas, medos, prexuízos, ilusións e esforzos para viviren unha grande aventura.

O acto de celebración do Día Internacional da Muller pechará coa proxección dunha peza referida ao programa “Tempos para compartir” e coa actuación do grupo de baile tradicional da AC As Aturuxeiras acompañadas das nenas da escola municipal de pandeireta.

Declaración institucional
Cómpre lembrar, ademais, que o Concello aprobou no pleno deste sábado unha declaración institucional consensuada polos tres grupos con representación municipal co seguinte contido:

“Van xa 159 anos desde que aquel 8 de marzo de 1857 un grupo de obreiras téxtiles saíse á rúa en Nova York para protestar polas súas condicións laborais. Hoxe en día, esta data reivindica e simboliza a loita incansábel das mulleres do mundo na defensa dos seus dereitos laborais e a defensa da igualdade.

Neste marzo de 2016 a realidade continúa a evidenciar que a crise agravou a situación de desigualdade e precariedade das mulleres. Diante do discurso falaz da igualdade conseguida diferentes estudos, informes e enquisas recollen datos sobre a crecente situación de precariedade laboral e traballo vulnerábel que viven as mulleres galegas. A fenda salarial segue a ser unha realidade aínda por atallar. Seguen a ser as mulleres quen lideran as estatísticas de emprego temporal e parcial. No que atinxe ao traballo non remunerado, as desigualdades no reparto das responsabilidades repercuten negativamente sobre as mulleres que tamén sofren a sobrecarga derivada da redución do apoio ás necesidades de coidados.

Moitos foron os pasos que se levan dado a favor da igualdade entre mulleres e homes, pero non podemos esquecer que a día de hoxe, desgraciadamente, en moitos lugares hai pasos que dar para recuperar os dereitos mais básicos das mulleres. En Galiza, cando aínda as leis e as normativas xa teñen establecido un marco xeral a favor da igualdade, tamén se teñen que dar moitos avances, xa que se segue estendendo o discurso de falsa igualdade o cal non fai mais que debilitar as medidas que se deben activar a favor da igualdade, amosando unha situación irreal.

A corporación municipal de San Sadurniño temos claro que a tarefa da consecución da igualdade real é unha labor diaria e que a todas e todos nos corresponde tanto nas institucións e na sociedade, propor e decidir para que o traballo e o emprego se distribúan en condicións dignas,para que as tarefas dos coidados sexan compartidas para que a afectividade e a sexualidade se vivan de maneira diversa, libre e segura, para que se superen os estereotipos e roles,para que desaparezan os ataques sexuais e sexistas, para que a precariedade e a pobreza non teñan nome de muller e para que se dean as mesmas opcións reais de decisión nos centros de poder, entre outros factores.

Para poder acadar todo isto, para construír un novo modelo social, deben de tomarse medidas normativas, técnicas e económicas audaces, deixando a un lado os actuais recortes que estamos a sufrir.

Por iso o Concello de San Sadurniño, porque tamén temos cousas por facer, imos seguir traballando neste eido, levando a cabo as actuacións recollidas no II PIOMH e poñendo a disposición todos os recursos precisos que contribúan a acadar a tan reclamada igualdade de dereitos entre mulleres e homes nos diferentes ámbitos da sociedade.

E Como dicía Manuel María:

“As mulleres galegas-labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
as que non foron cantadas”
San Sadurniño, marzo de 2016”