
A xornada enmárcase na Resonac Women’s Week 2025 e conta coa participación de referentes da política, a industria e a investigación
“A igualdade non é só unha cuestión de xustiza social, é unha necesidade económica e un motor de transformación”
O Club Nordés Empresarial acolleu esta mañá unha nova edición das Resonac Sparking Talks, un evento enmarcado na Resonac Women’s Week 2025 que busca poñer en valor o papel fundamental das mulleres na transformación da economía, da industria e da sociedade. A alcaldesa, Inés Rey, abriu a xornada que contou coas relatorías de África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo; Beatriz Lorenzo, CEO e socia fundadora de Real Impact; e Cristina Reino, responsable da área de produción en Resonac Graphite Spain.
Durante a apertura, Rey destacou a importancia de recoñecer o talento feminino en todos os ámbitos e a necesidade de acelerar os cambios cara á igualdade real. “Non podemos falar de progreso sen contar coa metade da poboación e non podemos pensar nun futuro sostible, innovador e xusto sen a mirada, o traballo e o liderado de nós, as mulleres” explicou. Lembrou que as empresas TIC da Coruña representan case a metade do PIB de Galicia e sinalou que “isto non sería posible sen o 50% da poboación, sen o noso talento e sen a nosa capacidade de innovar e transformar”.
Así mesmo, a alcaldesa reivindicou a relación entre igualdade e crecemento económico aseverando que “aquelas economías que avanzan son as que integran o talento de todas as persoas” e que “a igualdade non é só unha cuestión de xustiza social, é unha necesidade económica e un motor de transformación”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.