Monday 10 de March de 2025

Conta atrás para a carreira popular da Torre de Hércules e a andaina conmemorativa polo 8M, con máis de 3.500 persoas inscritas tras pecharse o prazo


A recollida de dorsais habilitarase tanto o venres 14 (17.00 a 21.30 horas) como o propio día da carreira, sábado 15 (10.00 a 15.00 horas) no frontón da Cidade Deportiva da Torre

Onte rematou o prazo de inscrición na carreira popular da Torre de Hércules e na andaina conmemorativa polo 8-M, probas que terán lugar o sábado 15 e nas que está previsto que participen máis de 3.500 persoas, atendendo ao balance final deste domingo.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou as boas cifras de inscrición rexistradas con vistas a esta edición da carreira e a andaina, que abren a nova tempada do circuíto Coruña Corre tras a celebración da media maratón que tivo lugar a mediados de febreiro. “Un ano máis, A Coruña amosa que é unha cidade comprometida co deporte e Coruña Corre forma parte da programación anual coa que o Goberno de Inés Rey busca promover e achegar os hábitos de vida saudable a escala interxeracional”, apuntou o concelleiro, que tamén lembrou a importancia que ten o circuíto na dinamización dos distritos da cidade, dado que as probas se desenvolven en barrios como Xuxán, Matogrande, Os Rosales, San Pedro de Visma, o Castrillón, O Ventorrillo e Novo Mesoiro, entre outros.

As cifras de inscritos nesta primeira proba do 2025 supoñen un incremento dun milleiro de persoas con respecto a edición anterior. Por categorías, na proba absoluta este ano terán dereito a participar tras completar a inscrición un total de 2.158 corredores e corredoras. Por outra banda, nas categorías inferiores estarían presenten 896 persoas e na andaina conmemorativa do 8M inscribíronse 531 persoas. En total, hai anotados 3.585 homes e mulleres.

A recollida de dorsais, habilitada o venres e o sábado

Vázquez lembrou que a recollida de dorsais con vistas á carreira da Torre e a andaina do 8-M estará habilitada tanto este venres 14 (17.00 a 21.30 horas) como o sábado 15 (das 10.00 ás 15.00 horas) no frontón da Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias.

Ademais, as persoas participantes na categoría absoluta contarán cun servizo de duchas e vestiario na Cidade Deportiva da Torre, dispoñible a partir das 19.30 horas. Tamén se ofrecerá un servizo de gardarroupa no frontón, en horario de 19.00 a 21.30 horas.

Deja un comentario