Monday 10 de March de 2025

Abre o prazo de inscrición do programa Idiomas do Mundo, para que estudantes de 1º de Bacharelato viaxen un mes a Irlanda


O Concello oferta un total de 29 bolsas neste programa de inmersión lingüística para centros educativos da cidade

O Concello abre este martes o prazo de inscrición para participar no programa Idiomas do Mundo 2025, que oferta un mínimo de 29 prazas para estancias dun mes en Irlanda, destinadas a estudantes que estean a cursar 1º de Bacharelato durante o presente curso escolar. “O Goberno de Inés Rey quere dotar á mocidade de diferentes opcións para aprender idiomas e unha delas é este programa de estudos inmersivos durante o verán”, sinalou Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación,
Formación e Innovación Tecnolóxica.

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 24 de marzo. Para a inscrición será necesario cubrir unha ficha dispoñible na web municipal (www.coruna.gal/educacion) e presentar posteriormente toda a documentación necesaria a través de calquera dos rexistros municipais ou de calquera outra Administración (a presentación da documentación por rexistro é un requisito imprescindible para a validez das solicitudes). As estancias desenvolveranse durante catro semanas, nos meses de xullo ou agosto, nunha localidade por determinar da República de Irlanda.

O programa ofrece a oportunidade de perfeccionar o dominio do idioma inglés e profundar no coñecemento real doutra cultura, obtendo, ademais, un certificado oficial do nivel alcanzado segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Para iso, promove que o alumnado participe nunha acción intercultural, aumentando a conciencia e comprensión doutras culturas e países, e a educación das persoas participantes respecto á diversidade e á igualdade, ao mesmo tempo que lles permite avanzar no seu desenvolvemento persoal.

Durante a súa estancia en Irlanda, as persoas seleccionadas asistirán polas mañás a clases de perfeccionamento de inglés, mentres que, polas tardes, participarán en actividades deportivas, culturais e lúdicas, con excursións a diversas localidades durante as fins de semana, aloxándose en domicilios particulares onde convivirán con familias irlandesas para, desta maneira, profundar máis na aprendizaxe do idioma inglés e no proceso de inmersión na cultura irlandesa.

O programa Idiomas do Mundo está integramente financiado polo Concello da Coruña e conta cun orzamento próximo aos 150.000 euros, cun custo estimado por praza de 5.138,80 euros. O Concello asume entre a totalidade e o 65% do custo das prazas, en función dos ingresos das familias, que en todo caso terían que achegar, como máximo, o 35 por cento do devandito custo.
As bolsas inclúen os gastos de desprazamento, a estancia en Irlanda durante un mes do alumnado seleccionado, as actividades escolares e extraescolares durante ese período, así como o custo dos monitores e educadores que acompañarán durante todo ese mes ás persoas seleccionadas, ademais do seguro que cobre calquera eventual incidencia durante o programa.

Entre os requisitos esixidos para poder participar figura o estar matriculado e cursar 1º de Bacharelato nun centro escolar da cidade da Coruña no curso 2024-2025, contar no curso de 4º da ESO cunha cualificación media de 6 ou máis e non ter ningunha materia suspensa, e contar no curso de 4º da ESO con cualificación de 7 ou máis na materia de inglés.

Deja un comentario