Monday 10 de March de 2025

O programa Xuventude EnCaMiño levará a adolescentes miñenses ao Ecoparque de Marín


A saída terá lugar o próximo 22 de marzo e está dirixida a mozos de entre 12 e 17 anos.

O Concello de Miño continúa coa súa aposta polo lecer activo para a mocidade a través do programa Xuventude EnCaMiño. Nesta ocasión, organízase unha saída ao Ecoparque de Marín, unha experiencia multiaventura nunha contorna natural deseñada para fomentar o deporte, a convivencia e a diversión ao aire libre.

A actividade está dirixida a mozas de entre 12 e 17 anos e terá lugar o próximo 22 de marzo. A saída está programada ás 08:00 horas e o regreso será ás 15:00 horas. O custo de inscrición é de 8 euros e pódese formalizar no rexistro do Concello de Miño.

O Ecoparque de Marín é un espazo de aventura en plena natureza que ofrece diversas actividades como tirolesas, pontes colgantes e circuítos de equilibrio, garantindo unha xornada emocionante e segura para os participantes. Con esta iniciativa, o Concello de Miño reafirma o seu compromiso coa promoción de actividades que fomenten un estilo de vida saudable, a conexión coa contorna e a participación xuvenil.
Para obter máis información e inscribirse, os interesados poden contactar a través do teléfono 604004439 ou o correo electrónico cultura.deportes@concellodemino.gal.

Deja un comentario