
Mandís de Honra para os conselleiros de Sanidade e Facenda, o vicepresidente da Deputación, o director de Turismo de Galicia, a presidenta da Federación de Xordos e a pregoeira Isabel Pichel
O VIII Desfile de Xenerais da Ulla convértese no máis concorrido con máis de sesenta integrantes
“Uns ovos a Santa Clara e unhas filloas de Lestedo”. Así xustificou o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, que a treboada Jana que onte mesmo obrigaba a suspender a parranda de Entroido e condicionaba a celebración do Filloa Folk, hoxe dera un descanso para que as celebracións previstas do día grande da 42 edición da Festa da Filloa de Lestedo puideran celebrarse sen incidencias e sen molladuras.
Iso si, a xornada foi moi fría dende primeiras horas da mañá, cando ás 8:00 horas se acenderon as máquinas filloeiras que estiveron operativas durante todo o día. Filloas de todos os gustos, sabores e prezos. Así, o pack de 10 filloas de Lestedo podía adquirise por 5 euros; as filloas á pedra tiñan un prezo de 2 euros cada unha e o pack de 3 filloas sen glute podía adquirirse por 2 euros.
Caso aparte eran as filloa recheas. As doces podían adquirirse por 2 euros, cun recheo a elixir: nata, chocolate ou crema. As salgadas tiñan un prezo de 3,5 euros e catro opcións a elixir: as tradicionais con chourizo á prancha ou con panceta loncheada e torrada, e as novidades de Porco Celta en salsa kimchi e cebola encurtida ou salteado de polo, mostaza e mel.
Recepción de autoridades e Desfile de Xenerais
A partir das 12:20 horas tivo lugar o VIII Desfile de Xenerais da Ulla polas rúas de Lestedo, o máis numeroso destas oito edicións xa que congregou a máis de sesenta Xenerais e Xeneralas, trinta deles a cabalo, chegados de Touro, O Pino, Santiago de Compostela, A Estrada, Vedra, Teo e Boqueixón. Unha ducia deles participaron posteriormente nos tradicionais Atranques dos Xenerais que teñen lugar no campo da festa despois do pregón.
Un desfile encabezado por un grupo de gaitas da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio e pola comitiva oficial, presidida polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal. Canda eles, os conselleiros de Cultura, Román Rodríguez González; Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; e Facenda, Miguel Corgos López-Prado; xunto ao vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela; e o alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias. Canda eles, os distinguidos co Mandil de Honra José Manuel Merelles Remy, director da Axencia de Turismo de Galicia; María Alonso, presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia; e Isabel Pichel, pregoeira desta edición.
Unha longa comitiva na que tamén participaron Valentín García, secretario xeral da Lingua; Joaquín Macho, secretario xeral técnico da Consellería de Emprego; Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria; Roi Fernández, director de Augas de Galicia; Encarnación Rivas, directora xeral de Urbanismo; Belén Do Campo, delegada territorial da Xunta na Coruña; Mar Ferreiro, directora territorial da Consellería de Presidencia; Begoña Freire, directora territorial da Consellería de Vivenda; Juan Pedro Velázquez, coronel xefe Aeródromo Militar de Santiago; Francisco Antonio Torres, capitán xefe da 3ª Compañía da Garda Civil de Santiago; Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mel de Galicia; entre outras autoridades, ademais dos alcaldes de Vedra, Abegondo, O Pino e Oroso.
Pregón e intervencións
Ovidio Rodeiro Tato comezou a rolda de intervencións destacando que “este ano é a primeira edición na que contamos coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, por iso me gustaría felicitar ás mulleres e homes de Lestedo que durante tantos anos estiveron traballando para conseguir este recoñecemento”. Un agradecemento que tamén estendeu á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña polo seu apoio.
Así mesmo, lembrou o recentemente asinado irmandamento co Concello de Lalín, “non se poden entender o cocido sen filloas nin as filloas sen cocido”, polo que agradeceu ao alcalde de Lalín poder contar “con ese irmán maior que é a Feira do Cocido, que representa para nós un espello no que mirarnos”. Finalmente, bromeou coa meteoroloxía e recordou que “dixera Crespo na Feira do Cocido que lle levaron os ovos a Santa Clara para que non chovera. Nós este ano levamos os ovos e as filloas, e mirade como cambiou o tempo. Así que se tendes que volver levarlle ovos a Santa Clara, contade tamén con filloas de Lestedo”.
Pola súa banda, José Manuel Canabal fixo un emotivo discurso lembrando que “hai exactamente un ano estaba neste mesmo lugar contando que estabamos traballando para que a Festa da Filloa de Lestedo fora recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional. Hoxe estou aquí para dicir que o conseguimos. Para dicir que aquela festa da parroquia, na que os veciños faciamos as filloas na casa e despois a traíamos aos chiringuitos nesta mesma praza, foi distinguida como unha das máis importantes de toda España”. Por iso, agredeceu a colaboración de “en primeiro lugar, ás 242 persoas que forman parte da Asociación Cultural da Filloa. Grazas tamén a todas as persoas que nos precederon, os nosos pais e nais, os nosos avós e avoas, que mantiveron viva esta celebración durante 42 anos. Grazas aos veciños e veciñas de Lestedo porque, como dixen antes, o que hoxe é unha Festa de Interese Turístico Nacional, comezou sendo unha pequena festa dunha parroquia”. Finalmente, Canabal tamén agradece a colaboración de todas as entidades e administracións colaboradoras, así como das empresas patrocinadoras da Festa da Filloa.
Pola súa banda, Isabel Pichel, veciña da localidade e directora do informativo Galicia por Diante Fin de Semana da Radio Galega, comezou o seu pregón bromeando coa presentadora, María Mera, sobre as máis de 50 páxinas que tiña o seu discurso. Uns folios que amosou aos presentes pero que non eran parte do pregón, senón a letra do “Himno de Lestedo”, que cantaron todos os presentes tanto ao inicio como ao final do pregón.
Unha intervención moi emotiva na que Pichel lembrou as súas orixes e mencionou a todas as casas da súa aldea de Pazos, para continuar coas distintas aldeas da parroquia de Lestedo implicadas na elaboración de filloas. “Eu son Isabeliña que, como Balbino, son unha rapaza de aldea. De Pazos, de Lestedo, do Pico Sacro, de Boqueixón”, comezou dicindo a pregoeira quen indicou que “comín filloas, cómoas, seinas facer e será así de por vida”.
Neste sentido, puxo en valor vivir en Boqueixón, se ben puxo unha condición: “teredes que aprender a facer as filloas porque esta é unha festa que facemos todas e todos hai máis de corenta anos. Iso quere dicir que a veciñanza é boa e xenerosa de xeración en xeración”.
Mandís de honra
Unha pregoeira que foi unha das seis persoas distinguidas este ano pola Asociación Cultural da Filloa coa imposición do “Mandil de honra” da Filloa. Isabel Pichel recibiu a distinción, deseñada pola súa prima Carmen Pichel, de mans do alcalde de Boqueixón. Canda ela tamén foron distinguidos polo seu apoio e colaboración coa Festa da Filloa de Lestedo o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos López-Prado; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela; o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles Remy; e a presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, María Alonso.
Uns mandís que lles foron impostos por José Manuel Iglesias Gómez, concelleiro de Facenda de Boqueixón; Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura e Educación; José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa; José Crespo Iglesias, alcalde de Lalín; e José Luís Mareque Simón, concelleiro de Turismo, por esa mesma orde.
Xosé Regueira destacou que esta festa “para min representa un dos mellores produtos turísticos que podemos ter no país. E o pobo de Lestedo foi capaz de construír este produto de gran valor e dar valor ao turismo de toda Galicia”, comprometéndose a utilizar o mandil para seguir facendo filloas na casa.
José Manuel Merelles destacou que “para nós é unha satisfacción ter colaborado coa Asociación Cultural da Filloa e o Concello de Boqueixón para que esta festa poida lucir este título de Festa de Interese Nacional. É unha festa que nace do pobo e que pon en valor os nosos produtos”, ademais de seguir a broma do alcalde boqueixanés xa que “hoxe aprendín que facer filloas de Lestedo tamén é moi eficaz para abrir o ceo”, polo que se comprometeu tamén a facer filloas na súa casa.
Pola súa banda, María Alonso agradeceu a distinción e a posta en valor da lingua de signos, cunha intérprete nas últimas edicións da filloa para facilitar a participación de todas as persoas na festa. “Hoxe esta festa é un referente para moitas máis”, concluíu a presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, aplaudindo todos os presentes en lingua de signos.
Miguel Corgos López-Prado agradeceu á asociación, ao Concello e á veciñanza “ser quen de manter esta tradición tan bonita. Eu comprométome a difundir esta Festa da Filloa de Lestedo”. Pechou as intervencións Antonio Gómez Caamaño, quen agradeceu o mandil porque “a min encántame cociñar. Hai xente para a que é un traballo, para min é un descanso”.
Unha vez rematado o acto, e cunhas testemuñais pingas de chuvia, tiveron lugar os tradicionais atranques dos Correos e Xenerais, nos que tomaron parte dúas parellas de Correos e seis parellas de xenerais, pechando a festa un atranque a cabalo entre o xeneral José Canabal e a actriz e presentadora María Mera.
Xantar do Cocido
Tras a sesión vermú tivo lugar o tradicional Xantar da Filloa no polideportivo de Lestedo, que nesta ocasión converteuse no “Cocido da Filloa” a raíz do irmandamento entre os concellos de Boqueixón e Lalín. En total, repartíronse preto de 300 xantares elaborados polo cociñeiro lalinense Álex Iglesias e que incluíron un cocido completo: sopa de cocido, cacheira, lacón, costela, entrefebrado, polo, morro, orella, chourizo ceboleiro, unllas, rabo, grelos, pataca, garavanzos e faldra de tenreira galega.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.