
Un total de 750 persoas inscribíronse na cuarta edición da Carreira e andaina pola Igualdade celebrada hoxe na cidade con motivo dos actos conmemorativos do 8M, Día Internacional da Muller. As convocatorias desenvolvéronse en horario de mañá e os gañadores da categoría absoluta da carreira, de cinco quilómetros de percorrido, foron Mikel Ocerín, de Sada, e Lamyae Himi, do Club Atletismo Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, entregou os premios xunto cos edís de Deportes, Ibán Santalla e de Igualdade, María Lorenzo.
O segundo e terceiro posto da absoluta masculina foron para Rafa Poupariña, do club Pasa ou Entorna, de Narón, e Manuel Campello, do Atletismo Narón, respectivamente. Na feminina o segundo posto acadouno Rebeca Soto, do Atletismo Narón, e o terceiro Claudia Pérez de El Puerto de Santa María.
Os corredores da categoría absoluta partiron ás 11:00 horas das inmediacións do pavillón polideportivo municipal da Gándara, se ben os das outras categorías (prebenxamín, benxamín, alevín e infantil) foron saíndo progresivamente dende as 10:00 horas. Os camiñantes da andaina percorreron un tramo de 4.500 metros e saíron ás 11:05 horas, con meta ao igual que nos anteriores casos nas inmediacións do polideportivo da Gándara.
Ferreiro destacou que “nesta edición batimos o récord de participantes, o que é moi satisfactorio tendo en conta o motivo polo que se programa ano tras ano, que non é outro que visibilizar a importancia de acadar unha igualdade plena e real na sociedade entre mulleres e homes”. A alcaldesa agradeceu a participación de todas as persoas que se sumaron a esta cita e a colaboración na mesma da Federación Galega de Atletismo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.