Monday 10 de March de 2025

A Xunta lembra que o colectivo de autónomos ten á súa disposición un chatbor para resolver dúbidas en tempo real sobre as axuas autonçomicas 


― Trátase dunha ferramenta habilitada a raíz da publicación da orde que unifica máis de 40,7 M€ en axudas específicas para este colectivo abertas ata o 30 de setembro e das que, ata comezos deste mes, se levan recibido máis de 5.100 solicitudes

― Co chat, baseado na IA e ao que se accede a través da Oficina virtual do emprego autónomo, as persoas usuarias poden afondar nas distintas liñas de apoios, en función do seu perfil, grazas a infografías e información práctica que se ofrece nas respostas

― A orde unificada ten cinco liñas que estimulan desde o inicio de actividade —con apoios que inclúen a cota cero— á súa consolidación e mantemento —co Bono Autónomo e Bono Remuda—, ademais de axudas para conciliar e o Bono Nova Oportunidade

― Outras achegas que complementan a esta orde son as destinadas á contratación indefinida por parte do colectivo con prazo de solicitude aberto tamén ata 30 de setembro e ás asociacións, que se poden solicitar ata o 18 de marzo

A Xunta lembra que as persoas traballadoras autónomas teñen á súa disposición un chatbot de intelixencia artificial para obter máis información e resolver dúbidas en tempo real sobre as axudas autonómicas ás que poden acceder. Trátase dunha ferramenta habilitada a raíz da publicación da orde que unifica máis de 40,7 millóns de euros en axudas específicas para este colectivo e á que se pode acceder a través da Oficina virtual do emprego autónomo.
Nela, as persoas usuarias poden afondar nas distintas liñas de apoios en función do seu perfil e nas respostas que ofrece o chat tamén se pode acceder a infografías con información práctica sobre a solicitude das achegas e aos enlaces aos procedementos de solicitude na sede virtual da Xunta. Este asesoramento complementa ao que realizan os técnicos das 15 oficinas da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego nas que se ofrece un asesoramento máis personalizado e ambas opcións son de balde.
A orde unificada ten aberto o prazo de solicitudes ata o 30 de setembro de 2025 e ata comezos deste mes de marzo lévanse recibidas máis de 5.100 solicitudes. Conta con cinco programas cos que se prevé beneficiar preto de 8.700 persoas e que contemplan achegas que van desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, incluíndo tamén apoios específicos para a conciliación e outros orientados a aquelas persoas que xa foran autónomas e queiran volver intentalo. Esta convocatoria pioneira enmárcase na aposta do Goberno galego por avanzar na redución burocrática e na simplificación administrativa, axilizando así a tramitación das achegas.
Orde única
Dos máis de 40 M€ desta convocatoria —cofinanciada parcialmente pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027— 28,9 M€ son para o programa de promoción do emprego autónomo, que conta con dúas liñas: unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos e outra coa que se garante a cota cero durante 12 meses de actividade. No caso do Bono Autónomo, destinado á mellora da competitividade dos negocios, contará con 8 M€. Mentres, para o Bono Nova Oportunidade —co que se apoian os autónomos que desexan volver emprender tras o cesamento de actividade— consígnanse 1,5 M€.
En canto ao Bono Remuda (máis de 1,2 M€), introdúcense novidades dentro da aposta por facilitar a transmisión de negocios rendibles para favorecer a vertebración do territorio. Así, engádense —ás xa incluídas para quen asume a empresa— axudas para quen traspasa por xubilación. A achega será de 6.000 euros para os negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes (Bono remuda rural) ou de 3.000 euros para os localizados en municipios de máis de 10.000 habitantes (Bono remuda xeral).Por último, a orde inclúe o programa de conciliación (1 M€) e tres liñas para apoiar a contratación, por parte dos autónomos, dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade, ou por risco polo embarazo ou a lactancia, e para o coidado de menores, maiores ou dependentes. A terceira liña prevé financiar servizos de coidado para as persoas ao cargo do profesional autónomo.
Outras axudas complementarias
Complementariamente, tamén está aberto ata o 30 de setembro o prazo de presentación de solicitudes das axudas á contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador por parte de autónomos, con dúas liñas compatibles entre si. A elas destínanse máis de 1,3 M€ cos que se prevé beneficiar case 140 persoas desempregadas. Para apoiar a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador, inclúense dúas liñas compatibles entre si: o bono de contratación e o bono de formación. Outros apoios son os destinados ao funcionamento das asociacións de autónomos e á contratación de persoal de apoio. A convocatoria deste ano destínanse 350.000 euros e poden solicitarse ata o 18 de marzo.

Deja un comentario