O Concello de Oroso conmemorará o Día Internacional da Muller con tres actividades: dúas abertas a toda a veciñanza e outra dirixida especialmente aos escolares, conscientes “da importancia dunha educación en igualdade como base para resolver conflitos de xénero”, indica a concelleira da Muller, María del Carmen Liste. Así, mañá martes 8 de marzo o auditorio do centro cultural de Sigüeiro acollerá dúas sesións de teatro infantil dirixidas ao alumnado do CEIP Sigüeiro (10:30 horas) e do CEIP Oroso (12:00 horas). Baixo o título “Somos iguais”, a representación achegará aos rapaces e rapazas de Oroso unha mensaxe a prol da igualdade entre homes e mulleres, así como o moito que aínda falta por avanzar neste eido.
O acto aberto ao público terá lugar este venres 11 de marzo, ás 19:00 horas. O centro cultural de Sigüeiro acollerá o acto de entrega dos premios do Concurso de Fotografía “Muller Traballadora”, que este ano chega á súa sexta edición. Un acto que contará cunha actuación musical a cargo do alumnado da Aula de Música de Oroso. A entrada é totalmente libre e de balde.