Sunday 09 de March de 2025

Ribeira apodera ás técnicas da limpieza de todo o concello polo 8M


No Día Internacional da Muller a Concellaría de Igualdade ribeirense, que dirixe Cruz Rivadulla, organizou un acto de apoderamento e recoñecemento das traballadoras da limpeza como sector tan importante como invisibilizado. Ao acto asistiron técnicas da limpeza do municipio ás que se lles entregou un agasallo xunto con cadanseu diploma.

A homenaxe celebrouse na sala polivalente do Auditorio Municipal e foi presidido polo alcalde, a concelleira de Igualdade e demais edís da Corporación Municipal. A actriz Atenea García foi a encargada de conducir un acto moi distendido e dinámico que incluíu unhas pequenas pezas de pandeireta e canto que acompañaban aos seus contos no transcurso do acto.

Para comezar proxectouse o vídeo oficial da ONU titulado “Por e para todas as mulleres e nenas”, a continuación Atenea pasoulle a palabra concelleira de Igualdade quen salientou que “este ano 2025 é un ano crucial para a procura mundial da igualdade de xénero e o apoderamento das mulleres xa que se cumpren 30 da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing”, tamén recordou que “nós podemos ser a xeración que peche a fenda e acade a igualdade de xénero”. Rivadulla salientou que “a pesar dos avances conseguidos quedan moitas cousas por facer” para rematar sumándose ao apoderamento das técnicas da limpeza “que tan merecido tiñan esta homenaxe”. Xusto despois interveu á voceira representante das técnicas limpadoras, Francisca Vidal Ogando, que tivo palabras de agradecemento en nome do seu colectivo polo acto e indicou que “un bo comezo é facer referencia ao propio colectivo coma técnicas da limpeza”.

A continuación procedeuse ao acto de entrega dos diplomas e agasallos a tódalas traballadoras xunto cunha imaxe de familia para o recordo.

O acto estivo cheo de momentos cómicos e distendidos que de cara ao final pasou a ser máis institucional coa intervención de Luís Pérez Barral. O alcalde fixo unha rotunda alegación a este sector de traballadoras destacando que “neste 8 de marzo, Día Internacional da Muller,
xuntámonos para rendervos unha merecida homenaxe ás mulleres traballadoras, loitadoras, imprescindibles: as limpadoras. Aquelas que, con mans firmes e corazóns xenerosos, mantedes en pé o piar mesmo das nosas vidas: as nosas casas e o noso día a día”.

Pérez Barral fixo referencia á propia invisibilización do sector pero defendeu que “o traballo que desenvolven é como esa engrenaxe silenciosa que fai que todo funcione porque mentres os comercios abren ou as fábricas producen, sodes vós as que, cunha dedicación incansable, garantides que cada espazo estea limpo, ordenado e listo para acoller a vida que nel”.

Para rematar falou da igualdade real que empeza tamén por visibilizar os traballos que sosteñen a vida diaria, “hoxe, como alcalde, non só quero recoñecer o voso traballo, senón tamén proclamar en voz alta que Ribeira ten unha débeda convosco. Espero que este recoñecemento non sexa un punto final, senón un inicio: o inicio dunha Ribeira máis consciente, máis agradecida e máis comprometida coa igualdade.
Longa vida ás mulleres de Ribeira!”.

Deja un comentario