Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño licita o mantemento eléctrico do alumeado público e das instalacións municipais


O Boletín Oficial da Provincia publicou hai uns días a apertura do prazo para presentar proposicións ao contrato do servizo de mantemento integral do alumeado público e das instalacións eléctricas do Concello de San SAdurniño. O prezo base da licitación é de algo máis de 87.000 euros máis o ive correspondente e o contrato terá unha vixencia de dous anos prorrogables por outros dous. No Perfil de Contratante do Concello figura toda a documentación referida ao procedemento, nel sinálase que as empresas ou profesionais por conta propia que desexen achegar a súa oferta teñen ata o día 1 de abril ás 14.00h.

O obxecto do contrato é levar o mantemento de toda a rede de alumeados públicos e de instalacións eléctricas municipais. O prezo de saída é de 87.360,24 euros e 18.345,66 do ive, o que fai un importe total de 105.705,90 euros. Unha contía global para dous anos de servizo -ampliables de mútuo acordo a outros dous-que a empresa adxudicataria poderá ir facturando mes a mes contra a presentación da certificación dos traballos que vaia facendo.

O procedemento de adxudicación farase mediante a denominada “multiplicidade de criterios”, é dicir, non só contará a rebaixa que se faga sobre o prezo senón tamén as melloras que se propoñan sobre as condicións esixidas nos pregos. Así, algúns aspectos que puntuarán serán a adopción de medidas conducentes a unha maior eficiencia enerxética nos alumeados ou nas instalacións de titulariedade municipal, a redución de prezos unitarios ou o programa que recolla as revisións e calendarios de mantemento preventivo.

Toda a información referida ao procedemento está publicada no Perfil de Contratante do Concello de San Sadurniño, unha ferramenta que é independente da web municipal e que está xestionada -ao igual que a Sede Electrónica e o Portal de Transparencia- polos servizos administrativos municipais. Alí encóntranse aloxados os pregos técnicos e administrativos e outra documentación necesaria para que as empresas preparen as propostas. Ademais, neste sitio web con validez legal tamén é onde se mostrarán as actas e informacións que se vaian xerando en canto a prazos, posibles modificacións, actualizacións, etc.

O Perfil sinala que o prazo para presentar propostas para este contrato finaliza o venres 1 de abril ás 14.00h.