
Coincidindo co 8M, o CIM pon en marcha unha nova campaña de divulgación dos servizos que presta ás mulleres dos catro concellos
Os alcaldes de Carballo, Coristanco, Malpica e Ponteceso asinaron este venres un novo convenio de colaboración para a prestación conxunta do servizo do Centro de Información ás Mulleres (CIM), con sede no noso concello. Ademais de Evencio Ferrero, Juan García, Eduardo Parga e José Manuel Mato, no acto oficial participaron a concelleira de Igualdade, Maica Ures, e a directora do CIM, Nieves Castañón.
O acordo asinado garante o acceso da veciñanza dos catro concellos a un servizo público imprescindible a día de hoxe, como demostra o elevado número de mulleres que recorren a el para resolver dúbidas de ámbito persoal, social ou xurídico, e que presta ademais un labor indispensable para a conciliación laboral e familiar, para a promoción da igualdade e/ou para o asesoramento e o acompañamento ás vítimas de violencia de xénero. Nestes momentos, desde o CIM realízase o seguimento de 114 mulleres con ordes de protección.
A xestión do servizo e da subvención concedida pola Xunta de Galicia con esa finalidade corre a cargo do Concello de Carballo, que asume desde hai máis de vinte anos todos os custes de persoal e de material. O CIM atende os casos remitidos polos servizos sociais ou outros departamentos municipais dos concellos do seu ámbito de influencia, así como polo persoal médico, forzas e corpos de seguridade ou xulgados. Para facilitar o seguimento do convenio crearase unha comisión mixta integrada por representantes políticos e técnicos dos catro concellos, e na que poderán participar, de consideralo preciso, forzas e corpos de seguridade, persoal dos xulgados, dos centros educativos e sanitarios.
Coa finalidade de seguir divulgando o servizo entre a poboación, ademais da organización de actos específicos nos catro concellos, coincidindo co 8 de marzo, Día da Muller, o CIM pon en marcha unha campaña informativa a través dun folleto que inclúe información básica sobre os servizos que presta, persoal especializado (traballadora social, psicóloga e avogada) e obxectivos. Os teléfonos de información a disposición das mulleres que precisen máis información son 981 700 688 e 638 123 460.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.