O proxecto audiovisual Chanfaina Lab continúa coas estreas virtuais das pezas que compoñen o repertorio da súa segunda edición. O venres subiu á canle de youtube de Fálame de San Sadurniño a curta “Matías”, da realizadora Sandra Sánchez. A autora nacida en Narón dálle todo o protagonismo a un neno capaz de converter os montes da Vella Morta -Santa Mariña do Monte- nun microcosmos de xogos e imaxinación. Un mundo propio a través do que Matías Bescós nos convida a pensar no rápido que pasa a infancia e no que perdemos cando a deixamos atrás.
A ficha da peza en Fálame de San Sadurniño explica que Sandra Sánchez está considerada unanimemente como unha das cineastas máis relevantes do audiovisual galego. Guionista, realizadora e montadora de longa traxectoria na industria, acadou renome internacional coa multipremiada longametraxe documental “Tralas luces”, coa que acadou sona e prestixio no ámbito da crítica cinematográfica.
Sandra achegouse a San Sadurniño coa intención de realizar un documental sobre Matías, un neno de oito anos que vive na Vella Morta, un lugar illado e rodeado de bosques na parroquia de Santa Mariña. Ao coñecer ao protagonista, a cineasta tirou do fío sutil que conduce á mestura de documental e ficción: “A historia de Matías foime levando por outros camiños e comecei a concibir o filme como un conto, sobre a perda da infancia e do universo máxico dun neno, como unha parábola do paraíso perdido. Son temas que sempre me interesaron como cineasta: o devir do tempo sobre as cousas e o mundo da infancia”.
A cámara de Sánchez rexistra e acompaña os soños e fantasías de Matías aventurándose polos seus cinco bosques segredos. Porén, quizais o neno estea a piques de deixar de selo e, se cadra, no camiño perda tamén ese universo propio, como as persoas adultas perdemos nalgún momento a inocencia. “Matías” é un pequeno gran filme que destila lirismo, tenrura e fermosura -coa axuda dunha excelente fotografía e un son exquisito-, cargando de sentido o obxectivo dunha verdadeira cineasta: amosar, revelar e ir mais aló do mundo inmediato que temos diante. O filme invítanos a lembrar os paraísos perdidos de cadaquén e apela directamente a ese momento preciso en que lembramos a infancia como un soño.