Monday 10 de March de 2025

A Xunta apoia a proxección nacional e internacional dos creadores galegos en feiras de arte contemporánia 


— O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visita as galerías de arte de Galicia que participan esta fin de semana en ARCO, en Art Madrid e en Uvnt Art Fair

— O representante do Goberno galego salienta a importancia destas citas para promover o talento dos artistas e poder establecer sinerxías con outros profesionais

— No marco do compromiso co sector, a Consellería de Cultura lanzará en abril as axudas para favorecer a participación en feiras e mercados e incrementará o convenio con Contemporánea, a asociación de galerías de arte contemporánea de Galicia

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitará hoxe os expositores das galerías de arte de Galicia que se atopan en ARCOmadrid, a principal feira de arte contemporánea do país e na que participan profesionais galegos co apoio da Xunta de Galicia. Trátase dunha das tres citas que se celebra esta fin de semana en Madrid, xunto coas feiras Art Madrd e Uvnt Art Fair.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou “a importancia deste tipo de feiras e mercados na promoción do talento de Galicia e establecer pontes de unión con artistas de todo o mundo”. Neste senso, destacou o compromiso do Goberno galego con este sector que nesta anualidade incrementará a dotación para a colaboración con Contemporánea, a asociación de galerías de arte contemporánea de Galicia. Ademais, adiantou que está previsto que se convoquen en abril as liñas de axudas para favorecer a presenza de galerías e artistas en feiras e mercados de arte.

Na derradeira convocatoria, sete galerías galegas acadaron estas subvencións para participar en citas en Miami, Madrid, Bogotá, Londres, París ou Lisboa. Estas achegas, que poderán solicitar tamén os profesionais que participen nas citas desta fin de semana, súmanse ao convenio anual que a Administración autonómica mantén coa asociación de galerías de arte contemporánea para apoiar a creatividade no eido das artes visuais.

Tras visitar na xornada de hoxe os postos de Ediciones Vilaseco e Galería Nordés, ambas da Coruña, e asistir á presentación da Bienal Internacional de Arte de Pontevedra, mañá sábado, Anxo M. Lorenzo achegarase á feira Art Madrid, que celebra a súa 20ª edición, e conta coa representación galega das galerías Metro e Luisa Pita, de Santiago de Compostela, e a Galería MoretArt, da Coruña. Pola tarde estará na Feria Internacional de Nuevo Arte Contemporáneo Uvnt Art Fair onde se encontra a Galería Trinta de Santiago de Compostela.

Deja un comentario