Monday 10 de March de 2025

A Xunta salienta o compromiso e implicación da mocidade galega cos retos aos que fai fronte EUROPA


A directora da xeral de Xuventude, Lara Meneses, recibiu o cento de rapaces de 35 países que participan na Coruña na sesión rexional do Parlamento Europeo da Mocidade

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, salientou hoxe o compromiso e a implicación da mocidade galega cos retos aos que se afronta a Unión Europea. Fíxoo tras recibir hoxe o cento de rapaces e rapazas de 35 países participantes na sesión rexional do Parlamento Europeo da Mocidade, que se celebra desde hoxe e ata o domingo na cidade da Coruña.
“É un orgullo comprobar como vos involucrades coas vosas suxestións e ideas coas que desmontades estereotipos e clixés falsos sobre as novas xeracións”, felicitoulles a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aos participantes, 60 galegos e máis de 30 provenientes de diferentes puntos de España e Europa.
Lara Meneses valorou o espírito destes encontros do Parlamento Europeo da Mocidade pola súa contribución “á que xente moza teña un pensamento crítico e independente, ao tempo que se lle facilita a aprendizaxe de habilidades sociais e políticas”. Neste senso, lembrou que actualmente esta organización sen ánimo de lucro conta cunha representación en máis de 40 países europeos, cos cales se forma unha rede duns 5.000 voluntarios.
Finalmente, a responsable de Xuventude da Xunta celebrou que Galicia acolla unha destas sesións rexionais das 12 que cada ano celebra en España esta organización, “onde a través do diálogo e o debate saen propostas moi interesantes sobre cuestións que preocupan a xuventude europea, que ten moito que dicir e aportar e precisa canles como esta para ser escoitada”, defendeu.
Neste senso, a directora xeral de Xuventude destacou o éxito do programa Parlamento Xove que leva a cabo o Goberno galego, na que estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional investigan e debaten sobre asuntos de interese social e político. Ao respecto, lembrou que o obxectivo é que adquiran ferramentas para a escoita e o diálogo “fornecendo unha xuventude reflexiva, a vez que se lle ofrece unha plataforma onde poder expoñelas e defendelas”, concluíu.

Deja un comentario