Monday 10 de March de 2025

Os conselleiros de Sanidade e Facenda, o vicepresidente da Deputación, do director de Turismo de Galicia, a presidenta da Federacion de Xordos e a xornalista Isabel Pichel, Mandís de Honra da Festa da Filloa


A 42 edición da Festa da Filloa de Lestedo estrea este domingo o seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico Nacional

O Filloa Folk de mañá sábado cambia de cabeza de cartel: Susana Seivane, con problemas de saúde, será substituída por Budiño

A Festa da Filloa de Lestedo estreará a súa condición como Festa de Interese Turístico Nacional este domingo 9 de marzo. Unha xornada festiva na que os actos principais terán lugar a mediodía, coa oitava edición do Desfile de Xenerais da Ulla e a lectura do pregón por parte de Isabel Pichel, veciña da localidade e directora do informativo Galicia por Diante Fin de Semana da Radio Galega.

Unha pregoeira que será unha das seis persoas distinguidas este ano pola Asociación Cultural da Filloa coa imposición do “Mandil de honra” da Filloa. Isabel Pichel recibirá a distinción, deseñada pola súa prima Carmen Pichel, de mans do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro. Canda ela tamén serán distinguidos polo seu apoio e colaboración coa Festa da Filloa de Lestedo o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos López-Prado; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela; o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles Remy; e a presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, María Alonso.

Uns mandís que serán impostos por José Manuel Iglesias Gómez, concelleiro de Facenda de Boqueixón; Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura e Educación; José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa; José Crespo Iglesias, alcalde de Lalín; e José Luís Mareque Simón, concelleiro de Turismo, por esa mesma orde.

Programación

Ás 8:00 horas acenderanse as máquinas filloeiras, que estarán operativas toda a xornada. Paralelamente, cociñeiras e cociñeiros de Lestedo elaborarán tamén filloas á pedra, recheas, salgadas… que poderán degustarse nas distintas carpas arredor do campo da feira. A maiores, no local social de Lestedo haberá tamén a posibilidade de comprar filloas sen glute.

A partir das 11:00 horas terá lugar a recepción de autoridades no Hotel Restaurante Vía da Prata por parte do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal. Ademais das autoridades distinguidas co Mandil de Honra da Filloa, está confirmada a presenza de:
– Valentín García, secretario xeral da Lingua
– Joaquín Macho, secretario xeral técnico da Consellería de Emprego
– Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
– Roi Fernández, director de Augas de Galicia
– Encarnación Rivas, directora xeral de Urbanismo
– Belén Do Campo, delegada territorial da Xunta na Coruña
– Mar Ferreiro, directora territorial da Consellería de Presidencia
– Begoña Freire, directora territorial da Consellería de Vivenda
– Juan Pedro Velázquez, coronel xefe Aeródromo Militar de Santiago.
– Francisco Antonio Torres, capitán xefe da 3ª Compañía da Garda Civil de Santiago
– Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mel de Galicia
– María Alonso, presidenta da Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia
– Alcaldes e concelleiros/as

Tras un posado para foto institucional ás 12:10 horas, ás 12:25 horas a comitiva oficial sairá a pe cara o campo da feira de Lestedo encabezando o VIII Desfile de Xenerais da Ulla e acompañados dun grupo de gaitas da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Un desfile no que tomarán parte máis de 40 Xenerais a cabalo e que chegará ao campo da festa de Lestedo a iso das 12:45 horas.

Ás 13:00 horas terá lugar o pregón, presentado pola actriz María Mera. Tras as intervencións de Ovidio Rodeiro e José Manuel Canabal, ás 13:30 horas tomará a palabra Isabel Pichel para dar o pregón, tras o cal desenvolverase o acto de imposición de Mandís de Honra e a entrega de premios do concurso de fotografía “Filloarte”.

Unha vez rematado o acto, ás 14:15 horas terán lugar os tradicionais atranques dos Correos e Xenerais, no propio campo da festa. Participarán dúas parellas de Correos e seis parellas de xenerais, pechando a festa un atranque a cabalo entre o xeneral José Canabal e a actriz e presentadora María Mera. Rematados os atranques, terá lugar a actuación do Grupo Ibiza. Ás 15:00 horas terá lugar o xantar institucional, este ano co Cocido de Lalín como gran protagonista. Ás 18:00 horas, as orquestras París de Noia e Origen porán o broche de ouro á XL Festa da Filloa de Lestedo.

Cambio no Filloa Folk

Para mañá sábado 8 de marzo está programada a terceira edición do Filloa Folk, baixo a carpa instalada no campo da feira. Un programa do que se baixa a última hora a Parranda de Entroido, debido ás malas previsións meteorolóxicas.

Deste xeito, o Filloa Folk comezará ás 19:30 horas coa actuación do grupo Luz do Ilicinio, da Agrupación Cultural Mestre Manuel Gacio; seguido de Os Melidaos (20:30 horas) e Ailá (22:00 horas). A entrada é totalmente libre e de balde.

Deja un comentario