
O Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento de Santiago realizou máis de 2.000 intervencións en 2024, cun notable incremento das saídas relacionadas cos fenómenos meteorolóxicos adversos. Así se recolle na memoria do corpo de bombeiros, que tamén constata o descenso das intervencións relacionadas coa presenza da vespa velutina.
En 2024 o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento realizou un total de 2026 saídas, 106 menos que o ano anterior. Este descenso está relacionado fundamentalmente coa retirada de niños de velutina de menor risco, unha vez que o Concello se adheriu ao convenio coa FEGAMP para que sexa o SEAGA quen se encargue destes traballos. Así, o ano pasado os bombeiros retiraron un total de 309 niños de vespa velutina, fronte aos 676 de 2023, e moi lonxe das cifras acadadas en anos anteriores: 1.359 niños retirados en 2017; 1.231 en 2018; ou 1.178 en 2019.
Pola contra, incrementáronse notablemente as saídas para a retirada de caída de árbores por mor de fenómenos meteorolóxicos adversos: 288 en 2024 fronte ás 160 de 2023. Neste sentido, a memoria destaca que en outubro, coincidindo co paso da borrasca Kirk por Santiago, os bombeiros realizaron 98 intervencións en menos de 24 horas, 80 delas por caída de árbores.
Ademais, os bombeiros interviron en 197 ocasións por incendios; en 126 por limpezas de calzada; en 84 ocasións para realizaren labores de saneamento, e en 75 casos por inundacións. Boa parte do traballo do Servizo, con 512 intervención, estivo relacionado con traballos preventivos e de inspección. En total, o 76% das intervencións quedan recollidas dentro dos bloques de asistencias técnicas e actividades preventivas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.