Monday 10 de March de 2025

A Coruña acolle a sexta edición de Biocultura como cidade líder no sector do turismo sostible


A feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos, que conta con 150 expositores e máis de 120 actividades, desenvolverase en Expocoruña ata este domingo

A Coruña continúa como cidade líder no sector do turismo sostible acollendo, un ano máis, a feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos Biocultura. A sexta edición desta feira, que conta co apoio do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade, inaugurouse hoxe e estará aberta ao público ata este domingo, 9 de marzo, en Expocoruña.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, participou no acto de apertura xunto con numerosos asistentes, que puideron visitar ata 150 expositores dedicados a todo tipo de produtos ecolóxicos e sostibles relacionados coa alimentación bio, ecoturismo, cosmética ecolóxica, moda sostible, artesanía ou o benestar. Así, durante os próximos días agárdase que milleiros de persoas se acheguen ata Biocultura para descubrir as novidades do turismo do futuro. Feiras como Biocultura reforzan A Coruña dentro do sector do turismo MICE (aquel enfocado as reunións, congresos e incentivos), un piar fundamental da estratexia turística posta en marcha polo Goberno de Inés Rey xunto coa cultura, a dixitalización e a sostibilidade.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos apoiando grandes iniciativas singulares coma esta, que nos posicionan como o gran polo turístico e MICE de Galicia”, sinalou Yoya Neira. Biocultura conta nesta edición con máis de 120 actividades paralelas ás que se desenvolven nos expositores co obxectivo de ser un revulsivo para o consumo ecolóxico e hábitos de vida saudables.
Na mañá desta primeira xornada de feira o público puido participar en tres showcookings, un a cargo de Cafés Lúa e dous con Conservas Mar de Ardora; conferencias da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas sobre o ecoturismo en Galicia ou xornadas formativas sobre nutricosméticos ou a carne de vacún das razas autóctonas ecolóxicas.

Pola tarde tamén completarán a programación varias presentacións como a da experiencia ‘Noites de lobos, mitos e lendas’ a cargo de Abeiro da Loba e Worknature; a ruta N-VI, as rutas ornitolóxicas da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas; un obradoiro de enxerto de variedades autóctonas ou catas de oliva e infusións, entre diferentes actividades.

Deja un comentario