Monday 10 de March de 2025

O Morriña Festival 2025 incorpora a Nathy Peluso, Alleh y Yorghaki e Elena Rose ao seu cartel


Inés Rey, na presentación: “Estes eventos musicais xeran un importante retorno económico para a cidade”

Nos vindeiros días desvelarase o nome dun gran cabeza de cartel

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá unha nova edición do Morriña Festival, a quinta deste evento e a cuarta que se celebrará na Coruña. Durante o acto presentáronse as novas incorporacións do cartel, que son Nathy Peluso, Alleh y Yorghaki e Elena Rose. O Morriña Festival 2025 celebrarase os días 25 e 26 de xullo no peirao de Batería e os abonos xa están á venda.
“Desde o Goberno municipal seguimos apostando polas grandes citas musicais para mantermos a nosa cidade como o gran polo cultural de Galicia”, sinalou Inés Rey. A alcaldesa estivo acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o director de Márketing de Estrella Galicia, Ramón de Meer, e o director de comunicación de Bring the Noise, Esteban Girón. “Este tipo de eventos musicais, ademais de diversificar a nosa axenda cultural, tamén supoñen un gran reclamo turístico e xeran un importante retorno económico para a cidade”, engadiu Rey, que sinalou que nesta edición se superarán os 100.000 asistentes en conxunto ao festival.

Nathy Peluso, co seu estilo ecléctico que mestura xéneros como o trap, o R&B, o jazz e o reguetón, a artista arxentina converteuse nunha das voces máis innovadoras e poderosas da escena musical latina. Presentarase en Morriña Festival co seu potente repertorio, que inclúe éxitos como ‘Mafiosa’ e ‘Business Woman’. A súa actuación será a única que dará en Galicia en todo 2025.
Alleh y Yorghaki son dous músicos venezolanos que gañaron recoñecemento internacional co seu innovador estilo musical. O seu tema ‘Capaz (merenguetón)’ é na actualidade un dos temas de 2025 e acumula miles de millóns de reproducións en diferentes plataformas en todo o mundo. Outra artista confirmada para este novo anuncio é a cantautora e produtora Elena Rose, coñecida pola súa capacidade para mesturar o R&B, o trap e o soul cunha autenticidade inconfundible, quen logrou gañar un lugar destacado na escena musical latina. Ademais destas novidades, a organización afirma que nos próximos días se anuncirá a outra gran cabeza de cartel.

A alcaldesa destacou a necesaria e frutífera colaboración entre administracións para que este festival sexa un éxito e agradeceu o traballo de Turismo de Galicia e da Autoridade Portuaria. Tamén felicitou polo percorrido e a notoriedade deste festival a Bring The Noise, representado tamén esta mañá polo seu subdirector, David Méndez. Por último, celebrou o traballo de colaboración que exerce na cidade Hijos de Rivera e a súa marca Estrella Galicia, ao apoiar o sector cultural en todas as súas vertentes.

Deja un comentario