Monday 10 de March de 2025

A mostra itinerante ‘Menssana’, aberta ao público na Domus para concienciar sobre a saúde mental na poboación xuvenil


A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, puxo en valor “as posibilidades que ofrecen os Museos Científicos para educar e espertar sensibilidades na poboación”

A exposición temporal itinerante ‘Menssana’ é unha mostra que persegue promover a saúde mental na poboación xuvenil e erradicar falsos mitos que adoitan xerar a un estigma social de quen decide pedir axuda profesional. “Desde o Goberno de Inés Rey somos coñecedores do potencial que teñen os espazos municipais e as posibilidades que ofrecen os Museos Científicos para educar e espertar sensibilidades na poboación, a través de mostras como esta”, indicou Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, durante o acto de presentación.
“A saúde mental enfronta importantes desafíos na sociedade, como o estigma social e a discriminación, cuestións que xorden do descoñecemento e que afectan tanto a quen padece trastornos mentais como á súa contorna. Pero ademais existen moitos aspectos que aínda se descoñecen da bioloxía, anatomía, bioquímica, psicoloxía dos trastornos mentais e que só se poden abordar desde unha investigación experimental”, dixo Canosa, que estivo acompañado no acto pola directora da Domus, Patricia Barciela, o comisario da exposición, Óscar Huertas, o asesor científico da exposición, Idalino Rocha, e o director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez Maldonado.

A exposición que se presenta agora na Domus ten como obxectivo visibilizar e normalizar os trastornos mentais, promovendo unha maior comprensión desde un punto de vista científico e social, fomentando a saúde mental e o benestar da sociedade.

A mostra consta de seis grandes módulos cúbicos nos que se abordan unha ducia de áreas temáticas a través de paneis cun deseño gráfico impactante acompañados de información, infografías, ilustracións e outros recursos para falar sobre o cerebro como órgano moi complexo na súa bioloxía e moi sensible á contorna, os trastornos mentais a través das películas e series, a plasticidade neuronal, a psiquiatría como especialidade médica, as drogas e como cambian o cerebro, a ansiedade, a depresión e o suicidio, a esquizofrenia, o trastorno obsesivo compulsivo, os trastornos de conduta alimentaria. E en última instancia educar en aspectos clave do benestar cognitivo e emocional, entendendo que a perda do devandito benestar aumenta o risco de sufrir algún trastorno mental.

Nestes módulos, ademais de paneis divulgativos preséntanse algunhas actividades, como un espazo cun espello e un muro para que o público poida deixar un post-it expresando como sente.
Actividades complementarias
‘Menssana’ pretende ir máis aló dos contidos que presentará a exposición e desenvolverá diversas accións divulgativas. Producirase unha versión da exposición Do It Yourself (DIY) para imprimir e levar a centros de ensino. Esta versión da exposición estará dispoñible en español, galego, catalán e éuscaro. Xunto coa exposición DIY farase unha proposta educativa de traballo a desenvolver polo propio centro escolar cunha serie de propostas didácticas.

Ademais, aproveitando que a exposición itinerará en dous museos (Parque das Ciencias de Granada e Domus da Coruña) e en diversos centros educativos coa versión DIY, desenvolverase unha investigación con todo o público da mostra (alumnado, familias, asociacións de pacientes e público xeral).
‘Menssana’ está liderada polo grupo de Psiquiatría Traslacional (PsyNal) do Instituto de Biomedicina de Sevilla – Hospital Universitario Virgen del Rocío, adscrito ao Centro de Investigación Biomédica en Red de Salud Mental (CIBERSAM). Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECyT), Ministerio de Ciencia Innovación e Universidades, e coproducida polo Parque de las Ciencias de Granada e os Museos Científicos do Concello da Coruña.

Deja un comentario