
A faixa conmemorativa despregada na Casa do Concello simboliza o compromiso das mulleres fenesas pola reivindicación dos seus dereitos
As sociedades locais participaron activamente na programación, destacando o seu papel na memoria colectiva do municipio
O Concello de Fene adiantou a hoxe a conmemoración do Día Internacional da Muller cunha intensa programación na que a veciñanza e as entidades locais foron protagonistas. O acto central da xornada foi o despregamento da faixa conmemorativa na fachada da Casa do Concello, elaborada en gancho por un grupo de veciñas, e que simboliza un compromiso firme coa igualdade e coa loita polos dereitos das mulleres.
A concelleira de igualdade, Sandra Permuy, expresou o seu agradecemento pola gran acollida da iniciativa, e destacou a importancia de continuar impulsando accións que dean visibilidade ao traballo e á memoria das mulleres. “Hoxe demostramos que a unión e a implicación social son ferramentas clave para construír un futuro máis xusto. Queremos recoñecer e poñer en valor a historia das mulleres de Fene, que co seu esforzo e dedicación fixeron e seguen facendo avanzar a nosa sociedade”.
Outro dos momentos máis emotivos da xornada tivo lugar no espazo “Sementando Igualdade”, onde se realizou unha homenaxe ás mulleres das sociedades locais a través da “Árbore da vida”. Representantes das diferentes entidades achegáronse ata o lugar para participar activamente no recoñecemento colectivo do seu papel fundamental no tecido social e comunitario de Fene.
A programación continuará ás 17.30 horas no salón de plenos do Concello de Fene coa presentación oficial do xogo “O latexo das bolboretas”, unha ferramenta innovadora para traballar a reflexión, a autoestima e o empoderamento das mulleres a través do xogo de mesa. Tras este obradoiro, dirixido a mulleres, o material será distribuído nas sociedades, centros educativos e outras entidades do municipio.
O Concello de Fene reafirma así o seu compromiso coa igualdade, e anima á veciñanza a participar na manifestación do 8 de marzo en Ferrol, ás 20h desde a Praza de Amada García, sumándose á mobilización feminista para seguir avanzando cara unha sociedade libre de discriminacións.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.