Friday 22 de November de 2024

Valoración altamente positiva dos participantes e asistentes da II Feira de Oportunidades de Ordes


O concelleiro da área, José Manuel Rodríguez, confirma unha nova celebración deste tipo para este ano

Tras o peche de portas da II Feira de Oportunidades de Ordes os comerciantes valoran “moi positivamente a cita deste ano”. Así o expresaron a inmensa maioría dos quince participantes que ao longo da pasada fin de semana transformaron o primeiro andar da Praza de Abastos no maior punto de venda de todo o municipio. Alí se puideron ver as mellores ofertas desta tempada en roupa, calzado, cerámica, bixutería, artesanía, deporte etc.
Con todo isto xa se fala dunha nova convocatoria que terá lugar antes de que remate o ano. Así o corrobora o concelleiro de Comercio, José Manuel Rodríguez, que xa recolleu o testemuño de tal solicitude por parte dos comerciantes cos que xa se comprometeu para “axudalos na organización, promoción e posta en marcha dunha nova feira deste tipo”, explica o edil.
Para moitas e moitos deles “este ano foi mellor có anterior no que se refire a vendas, organización e visitas” tal e como manifesta a propietaria dunha coñecida zapatería. Neste aspecto tamén agradecen “a implicación que tivo o pobo porque foron moitísimas as persoas que pasaron por aquí para mercar algo”, asegura un empresario local. Non só xente do lugar, “este ano notouse que a cousa xa era máis coñecida porque eu si notei que veu máis xente doutros lugares” explica un dos dependentes.
Unha grande aceptación que tamén se rexistrou nos obradoiros de repostería que tiveron lugar o venres e sábado na aula de cociña, e nos que se cubriron a totalidade das prazas. Biscoitos, cremas e doces foi o que se elaborou, con receitas tamén aptas para persoas celíacas e diabéticas.