
Unha vez asumida e compartida a importancia da reciclaxe pola poboación, descóbrese que, desde fai máis de vinte anos, o 80% do lixo vai á entulleira.
Do 20% restante, exceptuando papel, cristal e cartón -que xa sería de mala fe non reciclalo- atopámonos coa sorpresa que practicamente non se recicla nada
Vinte anos de esforzo para inculcar en cada fogar hábitos para a recollida selectiva de refugallos -co consecuente custo económico- para que finalmente o separado en casa volva mesturarse na propia entulleira. Vinte anos tirados, literalmente, ao lixo.
A tomadura de pelo á cidadanía é de proporcións épicas. A conduta de quen -por acción ou por omisión- permitiron que isto ocorrese é, presuntamente, delituosa.
A historia desta entulleira pódese resumir en tres presuntas figuras penais: xestión fraudulenta, estafa e delitos contra o medio ambiente. Estes factores definiron a creación dun proxecto “estrela” que terminou estrelado e cuxo nacemento só pode cualificarse como un erro.
Incriblemente, os responsables e partícipes en todo este despropósito, en lugar de pedir responsabilidades e compensacións, celebran un novo contrato coa mesma empresa condenada a destempo (a prescrición dos feitos aforroulles unha chea de diñeiro). Ademais, na parte viva non prescrita da débeda/condena, premiáronlle con quitas por pronto pago. Estas condenas non son por motivos ambientais senón por incumprimento de contrato e outórganlle o privilexio de facer fronte -a través de cómodos prazos, iso si- ao resto da indemnización que han de satisfacer aos propios Concellos.
Resulta delirante que o Concello de Oleiros, administrador do Consorcio e garante da súa adecuación á orde xurídica a través do seu interventor municipal -en calidade de interventor tamén do devandito Consorcio- informase favorablemente sobre esta situación avalando o novo contrato que finalmente asinaron todas as partes.
Tamén parece que García Seoane despexou todas as dúbidas sobre a idoneidade e virtualidade deste sistema de enterramento de lixo pola vella.
Chama a atención que ás preguntas formuladas recentemente polos Grupos Municipais da comarca, esixindo explicacións aos distintos concellos implicados #ante este maiúsculo escándalo limitáronse a remitir ao Consorcio para a procura de respostas.
Os alcaldes e alcaldesas da área metropolitana nun alarde de falta de transparencia digno da Cousa Nostra gardan un silencio cómplice neste asunto.
Os Grupos Municipais do Partido Popular han solicitado unha visita ás instalacións de Nostián, coa confianza en que sexa atendida, e poder recibir alí todo tipo de explicacións acerca de como, onde e cando se tratan o lixo e o resto de residuos.
En todo caso non se descarta remitir toda a información dispoñible á Fiscalía e pedir que se investigue se houbo un delito ambiental continuado do que resultarían afectados decenas de miles de cidadáns.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.