Monday 10 de March de 2025

Sara Iglesias e Estefanía Cabarcos falarán o sábado en San Sadurniño sobre saúde, autocoidados e autocoñecemento feminino


San Sadurniño iniciará este venres a programación do 8M cun acto simbólico de pendurado de mandilóns no enreixado da Casa do Concello, seguido da lectura da declaración institucional do Día da Muller. Será ás 11:30h e agárdase que o tempo permita levar a cabo o arranque dunha serie de actividades que se prolongarán durante todo o mes e que estarán moi centradas no rol invisibilizado da muller que coida, pero tamén na importancia do autocoidado e do autocoñecemento para gozar dunha vida saudable e plena. Neste sentido, unha das primeiras propostas será a charla-obradoiro que ofrecerá a fisioterapeuta Sara Iglesias na Casa da Xuventude -11:30h- falando sobre o solo pelviano. Un tema que, xunto con outros ben interesantes, tamén mencionará pola tarde a matrona Estefanía Cabarcos nun novo capítulo do videpodcast de Igualdade Falando sen cancelas.

Sara Iglesias dirixe en Fene a clínica CarabelSaúde, un centro de fisioterapia especializado no coidado, mantemento e rehabilitación do solo pélvico que, simplificando, vén sendo o conxunto de músculos e ligamentos que sosteñen os órganos situados entre as cadeiras, como son a vexiga e a uretra, a parte inferior do intestiño, o útero e a vaxina e, no caso dos homes, tamén a próstata.

Ter o solo pelviano en bo estado é fundamental para que todo o anterior estea no seu sitio e que ademais todo funcione ben, xa que unha musculatura pélvica débil pode ser causa de incontinencias, molestias, dor e incluso do prolapso uterino (o desprendemento ou saída do útero), e tamén de disfuncións ou problemas nas relacións sexuais.

Por sorte, unha grande maioría destes inconvenientes poden previrse ou corrixirse tomando conciencia da importancia do solo pélvico e coidándoo como é debido mediante hábitos saudables e exercicios específicos.

De todo iso falará o sábado a fisioterapeuta Sara Iglesias, quen nos dará indicacións sobre actividades moi sinxelas que podemos facer na casa para exercitar esa parte do noso corpo. Porque poñer a punto o solo pélvico ten múltiples beneficios para mulleres e homes: eles poden mellorar o control da vexiga e a función sexual, mentres que nós fortaleceremos os músculos que sosteñen o útero, a vexiga e o intestino, axudando na recuperación postparto e na prevención da incontinencia.

Estefanía Cabarcos, matrona do Centro de Saúde, tamén falará de autocoidados
A charla-obradoiro de Sara Iglesias terá lugar na Casa da Xuventude o sábado a partir das 11:30h. Pero pola tarde aínda haberá unha nova oportunidade de volver repasar a importancia dos exercicios pélvicos e doutros aspectos fundamentais sobre saúde feminina. Será no cuarto capítulo do vídeopodcast de Igualdade Falando sen cancelas.

O episodio, gravado hai uns días, estrearase ás 16:00h na canle de Youtube do Concello. A convidada neste caso é a matrona do Centro de Saúde, Estefanía Cabarcos Fernández, quen contestará ao cuestionario preparado polas mulleres que asisten ás súas clases de coidados perimenopáusicos. Na conversa coa técnica de Igualdade, Oriana López Castiñeira, a profesional sanitaria tamén falará sobre saúde mental, física e emocional, ademais de desmontar mitos e falar abertamente de moitos tabús relacionados co benestar da muller.

Cómpre ter en conta que Estefanía Cabarcos non só atende como matrona ás mulleres próximas ao parto ou que acaban de ter unha criatura, senón que tamén axuda a mulleres doutras idades. De feito, a profesional ten un grupo de exercicios de solo pelviano os venres pola mañá na Casa da Cultura e durante a gravación do episodio de Falando sen cancelas soubemos que calquera muller pode pedir cita con ela no centro médico para entrar formar parte deste grupo ou para obter outro tipo de asistencia.

Ademais, nas súas consultas Estefanía -como enfermeira especializada en xinecoloxía e obstetricia- tamén ofrece e consellos certamente útiles para mellorar o noso autocoidado e o noso autocoñecemento.

Deja un comentario