Monday 10 de March de 2025

Primavera enDanza volve con cinco espectáculos manténdose como o ciclo máis lonxevo de Galicia


O Pazo da Cultura acolle entre o 28 de marzo e o 11 de abril propostas galegas e de Cataluña, incluíndo a estrea absoluta de Paula Quintas con Aurora Boreal

Primavera enDanza volve entre o 28 de marzo e o 11 de abril como unha cita obrigada para os amantes da danza, cunha selección de artistas consolidados ou emerxentes, de dentro ou de fóra de Galicia, con estreas absolutas e variedade de espectáculos para atopar as últimas propostas das artes escénicas. Nesta XXIII edición botaremos unha ollada, maioritariamente feminina, sobre a danza. Ademais, como en cada edición, o programa mantén o seu espírito didáctico, xa que os creadores e intérpretes contarán todas as claves da súa proposta ao remate de cada peza nun encontro co público.

A Concelleira de Cultura, Maruxa Suárez Cotelo, quixo subliñar durante a presentación do programa que Primavera enDanza “é o festival máis lonxevo de Galicia”, destacando non só pola súa “estabilidade”, senón tamén “porque ofrece unha ampla perspectiva da danza contemporánea tanto de dentro coma de fóra de Galicia” e sempre tendo en conta “a presenza doutras disciplinas, como a acrobacia, o circo ou o canto”. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mencionou tamén a perdurabilidade do ciclo “porque queremos que haxa danza con forza xa que merece o apoio e o recoñecemento de todas as administracións”. Desexou, así mesmo, que a proposta “teña moitos anos de continuidade” e que “cheguemos a ser centenarios na programación estable e de calidade da danza”.

A rolda de prensa contou tamén coa presenza de Paula Quintas, cuxa compañía inaugura Primavera enDanza coa estrea absoluta de Aurora Boreal. A coreógrafa e intérprete describiu a peza como “unha proposta inmersiva” que se traballou con todo o equipo cunha perpectiva en “360 graos, para xerar unha estétita total”. A través do xeo, Aurora Boreal quere reflexionar sobre que non hai que “acelerar a vida” senón “cultivar a paciencia”. Durante a peza, que Quintas creou xunto con Rut Balbís, trabállase “cos diferentes estados da materia, coa auga e co xeo, incluindo o estado sólido, o gaseoso ou mesmo o plasmático”. As auroras boreais con un un símbolo de que a espera e a paciencia merecen a pena, xa que “son luces que só suceden en determinadas épocas do ano”. A compañía leva dous anos traballando neste proxecto que fala sobre a fugacidade, algo que acontece igualmente coa danza, que realiza coreografías rápidas, cambiantes e efémeras. Para rematar, Quintas quixo agradecer a oportunidade brindada polo Concello de Carballo “porque este programa é moi importante para Galicia no que respecta ás artes do movemento”.

Así, para preparar a peza, a compañía de Paula Quintas realizará unha residencia no Pazo da Cultura a partir do luns 24 de marzo e ata o mesmo venres da estrea, coas instalacións do auditorio á súa disposición. A Concellaría de Cultura quere apoiar así a creación artística e as artes escénicas favorecendo a produción de Aurora Boreal. Ademais, un día antes da representación, o xoves 27 de Marzo ás 20.00 horas, a propia Quintás protagonizará no Pazo da Cultura o faladoiro XÉNEROS EN DANZA. un percorrido histórico dende o corset as novas linguaxes. A entrada é libre.
Paula Quintas é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural. Ten un mestrado en artes escénicas pola Universidad Rey Juan Carlos. A súa compañía conta cunha traxectoria de máis de dez anos producindo espectáculos de formatos e disciplinas diversas. Hibridar a danza e o circo é a súa marca. O seu traballo destaca polo diálogo entre o corpo e o movemento, xerando un compoñente visual a través de códigos contemporáneos.

Xusto ao día seguinte, o sábado 29 de marzo, continuamos con outra proposta galega, da man de Marta Alonso e Sofá. A Marta e a Pablo, que se coñeceron bailando, vanlles máis as tardes de sofá e danza. De sofá e de teatro. De sofá e circo. Son unha parella normal… pero non. Porque… a quen se lle ocorre que os problemas se poden solucionar facendo un espectáculo de danza cun sofá? Marta Alonso presenta danza, teatro, circo e música en directo para falar dunha parella que podería ser a túa. Coa emoción é con quen soña a arte cando se bota a durmir nas tardes de sofá e sesta.

Marta Alonso Cía é unha compañía de danza galega dirixida por Marta Alonso Tejada. Constitúese de forma independente no ano 2018. A danza, o humor, a mistura de linguaxes escénicas que se achegan ao teatro e ao circo, a interacción co público e a proximidade, xeran nas súas creacións unha atmosfera particular do cotiá, do natural e do común que se comparte na escena.

A semana seguinte, o sábado 5 de abril, chega dende Cataluña Together to get there, de Lali Ayguadé. Un encontro entre dous, un abrazo, o sentir do outro, a comunicación sen palabras, o sentir inmerso nun mundo creado entre dous. Un tempo que se expande e se detén como se nunca fora a acabarse. Lali Ayguadé é unha das referencias da danza contemporánea en España, sendo a primeira vez que actúa en Primavera enDanza para presentar unha proposta de transformación. Onde nun instante esquécense e saen á luz as diferencias; os polos opostos, a fraxilidade e a forza; o deixarse caer e o desexo polo control. O equilibrio e a inestabilidade. A verdadeira natureza humana.

Akira Yoshida e Lali Ayguadé son os encargados da dirección artística e da interpretación desta peza. Akira é un bailarín que comezou co breaking e co paso do tempo abriu as súas portas á danza contemporánea e ás artes escénicas. Actualmente combina xiras de traballo propio con xiras con outras compañías e obradoiros por todo o mundo en festivais como DeltebreDansa, B12, Kalamata International Dance Festival, Flip Helsinki, Portugal Summer Intensive, etc. Lali Ayguadé formouse no Institut del Teatre de Barcelona e P.A.R.T.S. Comezou a traballar en Dinamarca coa compañía Publik Eye e coa dramaturga Carmen Mehnert antes de unirse á Akram Khan Company e Hofesh Shechter en Londres. Protagonizou a curtametraxe Timecode, que foi galardoada coa Palma de Ouro no Festival de Cannes, e recibiu, entre outros, premios Goya e Gaudí, ademais de ser finalista dos Oscar. Ten impartido obradoiros en lugares como o Centre National de la Danse (París), SEAD (Salzburgo), Budapest Contemporary Dance Academy, etc.

O domingo 6 de abril é a quenda para o público familiar en Primavera enDanza dende Cataluña con Cometa, de Lowland Performing Arts. Unha cosmonauta, cun casco na man, sobre un transbordador espacial. Así é Cometa, unha viaxeira inesperada que nos invita a mirar o noso entorno con ollos novos. Os máis cativos e cativas, desde dentro do escenario, gozarán dunha aventura galáctica que nos redescubrirá a gravidade e o poder da empatía, grazas á xeometría e a velocidade da luz. A bailarina e creadora Roser López Espinosa combina con mestría o xogo físico, os elementos acrobáticos e o amor polo detalle, creando un imaxinario cheo de xogo cun toque de humor.

O traballo coreográfico de Roser López Espinosa baséase nun forte físico, cunha gran paixón pola precisión, a delicadeza, os elementos acrobáticos e o detalle. Complicidade e traballo en equipo van da man nun imaxinario vital e lúdico, cunha poesía refinada e un toque de humor. Licenciada en Danza Contemporánea pola MTD / Amsterdam School of the Arts, recibiu en 2005 a bolsa danceWEB do festival ImpulsTanz de Viena e posteriormente formouse co antigo adestrador olímpico Jaume Miró en Barcelona. En 2021 estrea Cometa, unha peza interactiva para nenos e familias, en coprodución coa cadea alemá Vorpommern tanzt an. Continúa de xira con esta proposta desde entón, con máis de 180 actuacións en festivais e teatros de todo o mundo.

Primavera enDanza remata o venres 11 de abril con Daniel Rodríguez e a súa proposta Transeúnte. A partir de catro bailaríns e dous músicos iníciase un diálogo entre a música, o canto e a danza tradicional coa danza contemporánea, no que se reflexiona sobre a relación das novas xeracións co folclore. Con esta peza o Concello de Carballo continúa coa súa particular homenaxe ás cantareiras, que protagonizan este 2025 o Día das Letras Galegas. Esta coreografía é unha viaxe que honra o pasado, vive o presente e busca e abraza o futuro, unha dualidade entre o permanente e o transitorio. O bailarín e coreógrafo Daniel Rodríguez aposta por unha creación multisensorial na que corpo, música e tecnoloxía se entrelazan para construír un contexto único.

Traseúnte conta coa voz e música de Aida Tarrío (Tanxugueiras) xunto con Artur Puga e está interpretada por Javier de la Asunción, Andrea Pérez, Laura García e o mesmo Daniel Rodríguez. Graduado no Conservatorio Superior de Danza María de Ávila de Madrid, Rodríguez ten participado como creador en citas como o Festival Trayectos (Zaragoza), o Festival Abril en Danza (Valencia) e SólODOS en Danza España, sendo neste caso vencedor na edición de 2022 coa súa obra A raíz de, unha peza inspirada na tradición galega que levará de xira a Costa Rica en 2023. Ten traballado como coreógrafo para o grupo de música Tanxugueiras e actualmente é o director artístico e coreógrafo do artista galego Mondra, ademais de levar os seus propios proxectos.

PRIMAVERA ENDANZA

• Venres 28 marzo – 21.00 horas. Paula Quintas (Galicia). Aurora Boreal. ESTREA ABSOLUTA
• Sábado 29 marzo – 20.30 horas. Marta Alonso (Galicia). Sofá
• Sábado 5 abril – 20.30 horas. Lali Ayguadé (Cataluña). Together to get there
• Domingo 6 abril – 18.00 horas. En Familia. Lowland Performing Arts (Cataluña). Cometa
• Venres 11 abril – 21.00 horas. Daniel Rodríguez (Galicia). Transeúnte

As entradas para todos os espectáculos estarán á venda en <billeteira.carballo.gal> a partir do martes 11 de marzo. Tamén será posible a venda directa o mesmo día do espectáculo na billeteira do Pazo da Cultura dende 90 minutos antes da actuación.

Primavera enDanza está organizado pola Concellaría de Cultura de Carballo coa colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic para todos os espectáculos.

 

Deja un comentario