
● Mañá, venres 7 de marzo, terá lugar a entrega de premios ás mulleres emprendedoras.
● O 15 de marzo celebrarase un pleno extraordinario en igualdade, onde se procederá ao nomeamento da rúa ‘Silvia Lijó’.
O Concello de Camariñas conmemorará o Día Internacional da Muller, do 8 de marzo, cun conxunto de actividades que se estenderán durante todo o mes, dedicadas á promoción da igualdade e ao recoñecemento das mulleres que contribúen ao desenvolvemento do municipio. Estas iniciativas buscan sensibilizar á cidadanía e dar visibilidade ao papel fundamental das mulleres camariñás en distintos ámbitos.
Mañá, venres 7 de marzo, terá lugar unha entrega de premios ás mulleres emprendedoras que puxeron en marcha os seus negocios durante o ano 2024, recoñecendo así o seu esforzo e a súa contribución ao tecido económico local.
O 12 de marzo Camariñas acollerá a recollida da Maleta MAVI, un recurso que promove a igualdade a través da lectura. No acto, que contará coa presenza da subdelegada do Goberno, María Rivas, tamén participará o club de lectura local, cunha actividade de creación de totebags que afondarán nos valores de igualdade a través dos libros incluídos na maleta.
O 15 de marzo será unha xornada destacada coa celebración dun pleno extraordinario en igualdade, onde se procederá ao nomeamento da rúa ‘Silvia Lijó’, en homenaxe á súa traxectoria e loita pola igualdade. Esa mesma xornada, tamén terá lugar a colocación dunha placa na honra a Carmen de Angustias en Camelle, en recoñecemento á súa labor como curandeira.
Xunto a estas actividades, o Concello tamén levará a cabo outras iniciativas ao longo do mes, como as rutas ‘Camariñas en feminino’ para os CEIP, a instalación dun Punto Violeta durante a carreira pedestre deste domingo, 9 de marzo, e as xornadas ‘Referentes do Deporte Feminino’, para o IES.
Con este conxunto de accións, Camariñas reafirma o seu compromiso coa igualdade e co recoñecemento das mulleres que fan historia no municipio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.