
As persoas e empresas interesadas poderán optar ata o 17 de marzo aos 12 lotes de explotación, un por cada mes do ano
O vindeiro luns 17 de marzo pecharase o prazo de presentación de ofertas para organizar eventos na planta superior do mercado de San Agustín. O proceso, aberto desde comezos de febreiro, supón que todas aquelas persoas ou empresas interesadas poderán optar aos 12 lotes de explotación de dito espazo, un por cada mes do ano, para a organización de mercadillos, feiras, accións de ocio e todo tipo de eventos. “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos dinamizando os espazos emblemáticos da cidade con actividades para todos os públicos, dando a oportunidade ás entidades e emprendedores da cidade de promover eventos tal e como vimos facendo nos últimos anos”, sinala Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados.
A explotación da planta superior de San Agustín permite, ademais, dar a coñecer os produtos e distintos postos que teñen actividade neste mercado, tanto no interior como no exterior, onde grazas á acción do Goberno de Inés Rey a meirande parte dos espazos están ocupados e a pleno funcionamento. “Buscamos contar con eventos de carácter innovador, favorecendo as actividades comerciais e poñendo en valor o pequeno comercio”, indicou Diana Cabanas.
A esta oferta de explotación, á que se pode optar mediante concorrencia competitiva, poderán presentarse proxectos de mercadillos gastronómicos, artísticos, culturais, artesanais, sostibles, de artículos vintage ou de segundamano, feiras de economía social e outro tipo de eventos. As persoas ou empresas interesadas poderán optar a 12 lotes, coincidindo con 12 fins de semana, preferentemente un ao mes. As entidades licitadoras poderán concorrer ata un máximo de seis dos 12 lotes. A duración da autorización da explotación do espazo será dun ano, puidendo ser prorrogada por dous anos máis.
Os pregos da licitación poden ser consultados na páxina web municipal. O Concello vén fomentando todo tipo de eventos nesta planta superior do mercado municipal de San Agustín nos últimos anos, como por exemplo o Mercado das Nubes, Rebel Wine ou Bocatise, así como exposicións como a dos proxectos da Bienal de Arquitectura.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.