Monday 10 de March de 2025

Os Bombeiros da Coruña melloran tempos de resposta e reforzan a prevención con máis de 6.400 horas dedicadas á seguridade cidadá


O 84,87% das intervencións urxentes realizáronse en menos de 12 minutos e un 25,94% en menos de 5 minutos

O Concello da Coruña reforza o servizo con investimentos que superan o millón de euros

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, presentaron hoxe na praza de María Pita o novo vehículo de extinción de incendios deseñado especificamente para contonos urbanos, un vehículo que se suma ao parque móbil do servizo para os labores de extinción e de emerxencia. Sobre estas últimas deu conta no Palacio de María Pita a concelleira, quen expuso os detalles da Memoria 2024 dos Bombeiros da Coruña, na que se recollen as actuacións realizadas polo Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) durante o último ano. A concelleira puxo en valor a labor do corpo de emerxencias, sinalando que “o traballo dos bombeiros é fundamental para garantir a seguridade da cidadanía, non só pola súa resposta en emerxencias, senón tamén a súa intensa actividade preventiva, que segue en aumento”.

Montse Paz salientou que as actuacións dos bombeiros non se limitan ao ámbito municipal, xa que tamén foron requiridos en varias ocasións para colaborar con municipios limítrofes, “o que demostra o seu compromiso e profesionalidade”, dixo.

O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta por este servizo esencial con novos investimentos, que en 2024 volveron a superar o millón de euros en equipamento e infraestruturas, ademais dun orzamento de 400.000 euros para mantemento e funcionamento. “Queremos que o noso servizo de bombeiros continúe sendo un referente en Galicia, e iso conséguese con máis recursos, mellores tempos de resposta e un incremento da prevención”, destacou Paz.

Tempos de resposta en intervencións urxentes

Durante o ano 2024, os Bombeiros da Coruña atenderon 1.914 intervencións, 13 máis que no ano anterior, consolidando a súa operatividade. Entre os datos máis salientables da memoria destacan os tempos de chegada ás emerxencias:
● O 84,87% das intervencións realizáronse en menos de 12 minutos.
● O 25,94% en menos de 5 minutos, mellorando os datos do ano pasado. ● O 53% dos sinistros foron resoltos en menos de 45 minutos.
● 430 intervencións concluíronse en menos de 30 minutos.
A concelleira destacou que “os datos mostran a capacidade e eficacia do servizo”, e insistiu en que o obxectivo é seguir mellorando: “Non nos conformamos, queremos seguir mellorando para que a resposta sexa aínda máis rápida e efectiva”, indicou.

Aumento da prevención e formación en seguridade

O Concello reforzou o papel preventivo dos Bombeiros, acadando cifras récord en 2024:
● 6.409 horas dedicadas á prevención, fronte ás 4.786 do ano pasado.
● 203 informes técnicos emitidos, cun aumento do 56% respecto ao ano anterior. ● 135 reténs de seguridade en espectáculos e eventos, superando os 133 do 2023. ● 72 simulacros en centros educativos, edificios administrativos e instalacións privadas. ● 63 visitas escolares, con 1.604 nenos/as e 110 docentes participantes.
● Semana da Prevención, con 10 actividades e 225 horas de formación.
“A prevención é fundamental. Cada hora investida en seguridade reduce riscos e mellora a resposta en caso de emerxencia. Por iso, seguimos apostando por máis formación e simulacros para toda a cidadanía”, indicou Montserrat Paz.

Número de siniestros e intervencións destacadas

O SEIS realizaou 1.914 intervencións ao longo do ano, das cales 694 foron de carácter urxente. No apartado de rescates, os Bombeiros atenderon 157 vítimas en diferentes sinistros:
● 36 persoas rescatadas en incendios urbanos.
● 14 vítimas de accidentes de tráfico.
● 4 rescates en medios acuáticos.
● 84 intervencións noutros sinistros.
● 19 asistencias sanitarias.
O Grupo de Rescate Acuático tivo unha presenza destacada, con 92 intervencións ao longo do ano, especialmente en situacións de temporal e risco no litoral.

Revisión e mantemento de hidrantes

A revisión da rede de hidrantes da cidade mantívose como unha prioridade en 2024. Durante o último ano, os bombeiros destinaron 3 horas diarias a inspeccionar e manter operativos os hidrantes, percorrendo os distintos distritos da cidade.
Paz destacou que “cada ano atopamos menos incidencias, o que demostra a eficacia do traballo de mantemento. Contamos cunha rede de hidrantes operativa e ben sinalizada para garantir un subministración rápida en caso de emerxencia”, dixo.
O Concello da Coruña investiu en 2024 máis de 150.000 euros na instalación e mellora de hidrantes soterrados, reforzando a súa sinalización e accesibilidade.

Investimentos e reforzo do servizo

O Goberno municipal reafirma o seu compromiso cos Bombeiros da Coruña con investimentos clave:
● Máis de 1 millón de euros en novos equipamentos e infraestruturas.
● 400.000 euros para mantemento e funcionamento do servizo.
● Ampliación da dotación material, con melloras en vehículos, equipos de intervención e material de protección individual.
Paz subliñou que “o obxectivo é dotar ao servizo dos mellores medios posibles para que os bombeiros poidan desenvolver o seu traballo nas mellores condicións”.

Un ano de consolidación e mellora continua

A edil quixo destacar o traballo do corpo de Bombeiros, afirmando que “a súa profesionalidade, entrega e compromiso fan da Coruña unha cidade máis segura”.
Pola súa parte, a concelleira de Seguridade Cidadá concluíu agradecendo o labor de todo o equipo: “O noso servizo de Bombeiros está en permanente evolución, mellorando cada ano en eficacia e prevención. Seguiremos apostando por dotacións, formación e innovación para garantir a seguridade da veciñanza”.
Para máis información descarga o documento da Memoria 2024 dos Bombeiros da Coruña na seguinte ligazón: https://www.coruna.gal/descarga/1453888744151/memoria-2024-bomberos.pdf
O BUL-14, o camión máis compacto do SEIS para mellorar a resposta ante emerxencias
Hoxe tamén a alcaldesa, Inés Rey, presentou o novo camión BUL-14, que reforzará a frota do SEIS da Coruña. Trátase dun vehículo deseñado para mellorar a resposta ante todo tipo de incendios urbanos, destacando pola súa gran maniobrabilidade nas rúas de acceso máis complexo.
Este novo camión, o máis compacto do SEIS da Coruña, conta cunha distancia reducida entre eixes e foi fabricado empregando procesos de mecanizado de última xeración, o que permitiu reducir o seu peso e optimizar o espazo para aloxar máis material e unha cisterna de maior capacidade. Con estas melloras, conséguese un vehículo máis eficiente e preparado para afrontarcalquera incendio estrutural que se produza na cidade, así como para prestar apoio noutras emerxencias, como incendios industriais ou dispositivos preventivos.

O BUL-14 pesa 12 toneladas e conta cun motor de 280 cabalos de potencia. As súas dimensións (6,20 metros de longo, 3 metros de alto e 2,35 metros de ancho) e a distancia entre eixes de 3,10 metros garanten unha excelente manobrabilidade en calquera escenario urbano. Dispón dunha cabina dobre con capacidade para cinco prazas e un depósito de 2.000 litros de auga, ademais de 100 litros de espumóxeno. O sistema de bombeo, de alta e baixa presión, permite impulsar auga con suficiente caudal e forza para chegar ata a última planta do edificio máis alto da cidade.

O novo camión está dotado dos sistemas de seguridade máis avanzados, entre os que destaca un innovador sistema de aviso de envorcadura, un dos riscos máis críticos na condución de vehículos de emerxencias de grandes dimensións. Tamén está equipado con 560 metros de mangueiras, ferramentas de corte e manuais, equipamentos específicos de cerralleiría e traballos eléctricos, dous electroventiladores, cinco equipos autónomos con botellas de reposto, explosímetros, cinco cámaras térmicas e un sistema de iluminación con foco LED de 400W de potencia.
Este novo BUL substitúe a un camión que, con case 30 anos de servizo, quedou obsoleto tanto en prestacións como en seguridade para os bombeiros. O vehículo saínte cumpriu con éxito a súa función durante décadas, pero actualmente estaba relegado a servizos preventivos ocasionais, como o dispositivo de San Xoán.
“A renovación do material e dos vehículos do SEIS é unha prioridade para o Goberno municipal. O compromiso cos Bombeiros da Coruña é firme e continuaremos investindo para mellorar tanto a seguridade dos profesionais como a eficacia das intervencións”, indicou Rey.
Con esta incorporación, o Goberno municipal continúa reforzando os medios do Servizo de Bombeiros para garantir unha resposta rápida e eficaz ante calquera emerxencia na cidade.

Deja un comentario