Monday 10 de March de 2025

A Xunta salienta o papel do I+D no deseño de procesos innovadores para a xestión eficiente de residuos emerxentes e avanzar cara a unha economía circular


Ángeles Vázquez indica que CETIM pode ser un bo aliado á hora de desenvolver procedementos para o tratamento de novos refugallos como, por exemplo, as pas dos aeroxeradores desmantelados

 

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o papel do I+D no deseño de procesos innovadores para a xestión eficiente de residuos emerxentes que contribúan a que Galicia avance cara a un modelo de economía circular.

 

Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo como exemplo da aposta pola investigación asociada á sostibilidade ao Cetim Centro Tecnolóxico, cuxas instalacións visitou hoxe no concello coruñés de Culleredo, e que conta cun equipo humano multidisciplinar e altamente cualificado formado por químicos, enxeñeiros, físicos ou biólogos.

 

Cetim focaliza o seu traballo en ámbitos fundamentais para o medio ambiente e o clima, como son os materiais sustentables e bio-baseados; o tratamento de augas e residuos; a recuperación de recursos, e os procesos dixitais como soporte para o seu uso eficiente e recuperación. Nese senso, a conselleira indicou que este centro tecnolóxico pode ser “un bo colaborador” á hora de desenvolver procedementos para o tratamento de novos refugallos como poden ser, por exemplo, as pas dos aeroxeradores desmantelados.

 

De feito, o traballo de Cetim encaixa coas liñas estratéxicas marcadas polo Goberno autonómico no eido da loita contra o quecemento global. Así, adheriuse en 2023 á Alianza galega polo clima, que é unha iniciativa posta en marcha pola Xunta para promover a colaboración entre a administración e o tecido social e produtivo para crear sinerxías co obxectivo de aumentar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático.

Deja un comentario