Monday 10 de March de 2025

Centos de palilleiras de toda Galicia daranse cita este sábado na tradicional xuntanza de Neda


Preto de 400 pallilleiras está previsto que participen o próximo sábado, na 19ª Xuntanza de Neda, que organiza a Asociación Filigrana coa colaboración municipal. A iniciativa, que se desenvolverá, coma sempre, no pavillón municipal Ale de Paz, servirá para pór en valor, aproveitando a conmemoración do Día Internacional da Muller, o labor destas mestras do encaixe.

Apuntan dende Filigrana que, como vén sendo habitual, na xuntanza daranse cita palilleiras chegadas de toda a provincia da Coruña, e tamén das de Pontevedra e Lugo. Ademais, estarán presentes “encajeras” de Soria. Pese a que a coincidencia co 8M non axuda, confirmaron asistencia representantes de preto de medio cento de agrupacións, e hai un total de 370 persoas inscritas.

Unha vez máis, o veterano evento busca dar a coñecer o labor artesán que realizan cos bolillos, ofrecendo a posibilidade de ver en directo como fan os encaixes. Trátase tamén de dar pasos para conservar a tradición, intentando que máis xente descubra este arte e se enganche.

A Xuntanza, que é un dos eventos que máis xente mobiliza na localidade, dará comezo ás 11 horas co acto de inauguración oficial. A partir de aí, o público poderá achegarse ao labor das palilleiras, e coñecer as diferentes técnicas, ata as 13:30 h, e tras un parón para o xantar, a xuntanza retomarase ás 16 horas, ata as 18 h. A iniciativa conta ademais co apoio da Deputación da Coruña e de Artesanía de Galicia.

Deja un comentario