
Proponse cofinanciar o proxecto co que se dotará ao núcleo da Botica coas redes de abastecemento e saneamento con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse que o Concello concorrerá a dúas convocatorias de subvencións da Xunta de Galicia co propósito de mellorar a rede viaria e reforzar servizos de competencia municipal.
Así, ao abeiro da convocatoria de axudas da Consellería de Economía e Industria encamiñadas á rehabilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais, preséntase un proxecto que ten por obxectivo facilitar os accesos ao polígono industrial pola zona sur, isto é, pola autoestrada AG-55 e a vía AC-552.
O proxecto, valorado en máis de 145.000 euros, afecta a tres vías de acceso e tamén a unha das glorietas. Contempla a renovación da superficie de rodadura para facilitar o tránsito rodado nunha distancia lineal próxima aos 800 metros, incluíndo a reposición da sinalización horizontal e vertical. Ademais, executaríanse melloras na rede de recollida de pluviais para evitar que a auga invada a plataforma da calzada.
A outra solicitude de subvención faise ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Tería por finalidade o cofinanciamento do proxecto de mellora das infraestruturas municipais na Botica, da parroquia de Vilaño. Ante o crecemento poboacional que está a rexistrar ese núcleo, o Concello pretende dotalo cos servizos de saneamento e de abastecemento de auga, ademais de renovar o pavimento dun tramo da estrada. A intervención suporía un investimento total de 36.000 euros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.