A directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, salienta o valor da educación non formal á hora de acceder ao mercado laboral
Medio cento de mozos e mozas participou esta mañá nunha charla sobre axudas e programas para mozos e mozas organizada pola Rede Galega de Dinamización Xuvenil e o Concello de Lousame. Un acto que serviu tamén para a entrega dos diplomas de participación ás oito mozas que levaron a cabo o programa de voluntariado xuvenil de Lousame en 2015.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, aproveitou para agradecer a colaboración da mocidade lousamiana en actividades como a bibliopiscina, animación á lectura, actividades de dinamización no centro de día, actividades de ocio infantil e xuvenil, actualización do catálogo patrimonial ou a súa colaboración na organización de eventos como a carreira Pilar Barreiro Senra. “Temos una xuventude moi activa en Lousame, como demostran os distintos programas de voluntariado que temos e a súa participación nas distintas actividades que organizamos”, salientou Villaverde Pais, quen estivo acompañada pola concelleira de Mocidade, María Regenjo.
Aínda así, a alcaldesa fixo un chamamento a unha maior participación da mocidade lousamiana porque “traballar en voluntariado, coordinar proxectos, se ten moi en conta á hora de presentar un currículo vitae porque se considera que esa persoa sabe coordinar, que ten iniciativa”. Un punto no que coincidiu a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, quen indicou que “a educación non formal serve para que poidades adquirir competencias, habilidades e capacidades que son moi valoradas no mercado de traballo. Antes chegaba con facer un grado ou unha licenciatura. Agora é máis complicado”.
Vázquez Suárez explicou que “eu mesma participei en todo o que se me pasou por diante. Iso axudoume a construírme como persoa. Participei nunha asociación xuvenil e foi un complemento moi importante para o meu currículo”. Por iso, insistiu en que participar en actividades de voluntariado “non é unha perda de tempo. Podedes axudar aos demais pero tamén vos axudades a construírvos como persoas e vos facilita o acceso ao mercado laboral”.
Axudas
Acto seguido, un técnico da Rede Galega de Dinamización Xuvenil ofreceu unha charla de media hora na que lles achegou aos mozos e mozas presentes información sobre os recursos á súa disposición: axudas, bolsas, programas de mobilidade, prácticas formativas en empresas, formación no estranxeiro, etc, ademais de responder ás súas dúbidas.
Entre outros temas, os rapaces e rapazas de Lousame coñeceron programas como Iniciativa Xove (cun financiamento do 100% do proxecto ata un máximo de 4.000 euros), o Voluntariado Xuvenil (cunha contía subvencionada de 6 euros/día para voluntarios e 4 euros/participante de acción voluntaria), Galeuropa (un programa de mobilidade transnacional xuvenil para facer prácticas formativas non remuneradas na UE), así como outras iniciativas da Xunta de Galicia como Xuventude Crea, Parlamento Xove ou Deseñando o teu Futuro