Monday 10 de March de 2025

Comezan as obras de humanización da AC-305 de Palmeira, no concello de Ribeira, nas que inviste preto de 3 M€ 


A actuación abrangue un quilómetro desta AC-305 ao paso por Palmeira na que se priorizará o espazo peonil, harmonizarase o espazo con novo mobiliario urbano e habilitaranse zonas verdes. 

A previsión da Xunta é que as obras que agora comezan estean rematadas no verán de 2026. 

A conselleira subliñou que a actuación “integral e sostible”, que se aborda coa colaboración da Fundación RIA, vai mudar radicalmente este espazo urbano “e poñer aínda máis en valor esta vila”. 

O alcalde asegurou que esta actuación encaixa perfectamente co novo modelo de cidade de recuperar espazos públicos para a veciñanza e gañar espazos verdes. 

A Xunta vén de iniciar as obras de humanización da estrada AC-305 ao seu paso por Palmeira, no concello de Ribeira, nas que inviste un orzamento de preto de 3M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, o tenente de alcalde e edís da Corporación Municipal, supervisaron hoxe o comezo dos traballos, que a Administración autonómica prevé rematar no verán de 2026. 

A actuación, que a Xunta aborda en colaboración coa Fundación RIA presidida polo arquitecto David Chipperfield, abrangue un quilómetro desta travesía ao seu paso polo núcleo urbano de Palmeira, no que se recuperará espazo para a veciñanza e se priorizará o espazo peonil, ademais de abordar intervencións para reducir a contaminación visual e harmonizar o deseño do mobiliario urbano, aumentar a seguridade viaria e habilitar novas zonas axardinadas. 

Entre outras intervencións, habilitaranse novas e máis anchas beirarrúas, novo mobiliario urbano, así como unha nova parada de autobús. Tamén se disporá novo alumeado e zonas verdes para dar sombra e invitar ao paseo. E así mesmo, calmarase o tráfico no viario, coa redución da velocidade actual de 50 a 30km/h.

A conselleira cualificou esta intervención que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas como “integral e sostible” e destacou que vai mudar radicalmente esta travesía urbana “e poñer en valor aínda máis esta vila”. M. Allegue subliñou neste senso que a obra vai mudar radicalmente o espazo “para convertelo nun entorno humanizado que desfrutará a veciñanza, pero que tamén dará un pulo importante, de seguro, á economía da vila porque atraerá máis turismo”. 

Sinalou que nos últimos seis anos, a Xunta ten investido 44,8M€ en actuacións de humanización en estradas autonómicas e espazos urbanos. 

Agradeceu á Fundación RIA a colaboración e a súa implicación “no desexo compartido” para transformar os espazos e humanizalos. E ao seu fundador, o arquitecto David Chipperfield, “o vínculo que ten formado con Galicia, porque contar detrás deste proxecto cunha figura do seu prestixio é para nós un privilexio”. 

Novo modelo de cidade 

Pola súa banda, o alcalde Luís Pérez Barral, comezou agradecendo o traballo da Fundación Ría e loou a colaboración institucional para sacar proxectos positivos adiante, asegurando que “hoxe é un día significativo para Ribeira, especialmente para Palmeira, porque damos o pistoletazo de saída a un proxecto valorado en case 3 millóns de euros”. 

Pérez Barral asegurou que estas actuacións encaixan perfectamente no modelo de cidade que estamos a impulsar dende o goberno local, un modelo baseado nun urbanismo sostible e pensado para as persoas. “A humanización da travesía de Palmeira responde a unha visión clara: recuperar espazos públicos, garantir a seguridade viaria, construír lugares accesibles e gañar zonas verdes. 

Con estas obras, veremos unha transformación evidente, ampliaranse e renovaranse as beirarrúas, garantindo que sexan plenamente accesibles, reforzarase a seguridade viaria con melloras no firme e na sinalización, facendo da travesía un lugar máis seguro tanto para peóns como para condutores, renovarase a iluminación pública e incorporarase mobiliario urbano moderno, creando un espazo atractivo e funcional, e, algo moi importante, terase en conta a integración paisaxística para que estas

melloras convivan en harmonía co carácter mariñeiro e tradicional de Palmeira. 

“Este proxecto mellorará a estética, ao tempo de manter a historia e a esencia deste pobo mariñeiro por iso hoxe é un gran día no que Palmeira gañará en calidade de vida, e Ribeira dará un novo paso cara á cidade que queremos construír: moderna, accesible, sostible e pensada para a xente”.

Deja un comentario