
● Ábrese un prazo dun mes para a presentación de achegas, que poderán ser incorporadas ao documento para a licitación do Máster Plan
● As Bases estarán tamén dispoñibles a partir de mañá nunha páxina web específica do proxecto, que contará cun “buzón” de suxestións
● O proceso de participación cidadá continuará nas próximas semanas co Foro Coruña Marítima e cinco talleres temáticos previos
O desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima inicia unha nova fase coa distribución aos colectivos, entidades e institucións da cidade das Bases Estratéxicas que foron acordadas para a licitación do Máster Plan que definirá o futuro dos espazos do porto interior.
Esta mañá, as Bases foron remitidas a máis de 800 entidades. Entre os destinatarios figuran asociacións sociais e culturais, colexios profesionais, empresas portuarias, Universidade, institucións públicas, colectivos empresariais, grupos ecoloxistas ou fundacións, entre outras entidades. Acompáñase unha carta da Comisión Coruña Marítima, na que se resume a situación actual do proxecto e concédese o prazo dun mes para a presentación de suxestións ou achegas que serán valoradas para a súa posible inclusión no documento definitivo de Bases Estratéxicas.
Así mesmo, o documento inicial destas Bases estará dispoñible para todos os interesados a partir de mañá na web www.corunamaritima.com. Esta páxina recollerá as noticias sobre o proxecto e os documentos máis relevantes, e contará cun “buzón” de suxestións aberto a todos os cidadáns.
As Bases Estratéxicas foron aprobadas o pasado 24 de xaneiro na reunión da Comisión Coruña Marítima, na que están representadas as seis administracións que forman parte do proxecto, ademais dos tres grupos políticos municipais. As seis administracións son o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, a entidade pública empresarial Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), o organismo público Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña.
De acordo co contido das Bases, a nova fachada marítima debe conlevar unha mellora da cidade e das actividades que permanezan no porto interior, que basicamente serán a pesca, cruceiros, náutica e mercadoría xeral, xa que os graneis e os tráficos máis pesados están en proceso de traslado a Punta Langosteira. Pola súa importancia histórica, social e económica, faise fincapé no sector pesqueiro, cuxas infraestruturas e capacidade operativa deberán saír reforzadas na reordenación dos espazos portuarios.
Destacan aspectos como a mellora da mobilidade e a construción de novos equipamentos urbanos, con especial relevancia aos valores ambientais, paisaxísticos e metropolitanos. Así, prevese aproveitar as vías existentes no porto que estean en desuso para implementar un servizo ferroviario de proximidade, ademais de habilitar un intercambiador de transporte. Tamén se propón incorporar un equipamento multiusos cuberto de gran capacidade e outro edificio icónico que caracterice a intervención.
Haberá ademais espazos para usos residenciais, terciarios e dotacionais, primando en todo momento a innovación e a sustentabilidade no deseño, e favorecendo o contacto co mar e a incorporación de novos usos á lámina de auga. Esixirase así mesmo a protección e posta en valor do patrimonio histórico, industrial e arqueolóxico, contribuíndo a preservar a identidade industrial e portuaria, potenciando os valores paisaxísticos.
Ademais do envío do documento aos colectivos cidadáns e a publicación da páxina web, durante as próximas semanas levaranse a cabo o Foro Coruña Marítima e cinco talleres temáticos previos, co mesmo obxectivo de favorecer a participación cidadá e solicitar achegas.
Con todo iso, prevese convocar no mes de abril o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.