
A estrada de Arnados a Sambade xa está lista para ser aglomerada. O investimento supera os 540.000 euros
O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 395.661,91 euros nas obras de mellora interior do núcleo de Arnados, na parroquia de Razo. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiro de Participación Veciñal e Mobilidade, Daniel Pérez e Juan Seoane, puideron comprobar que os traballos, executados pola empresa Vázquez y Reino, están xa na recta final, e que a veciñanza pronto poderá desfrutar dunha actuación baseada na Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais editada polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia.
O proxecto inclúe a pavimentación das rúas Méndez Núñez, Almirante Mourelle, Arroaces, Mar Mediterráneo, Mar Cantábrico e Océano Atlántico. Nesta última estase a traballar estes días, e con ela completaranse as obras, que abranguen unha superficie total de 7.200 metros cadrados, con diferentes tonalidades para a zona destinada ao tráfico rodado e a zona peonil.
Tamén se aproveitou para renovar distintas canalizacións de servizos urbanos na rúa Mar Mediterráneo e a rede de alumeado en todo o ámbito da actuación. O proxecto inclúe, ademais, a sinalización, tanto vertical coma horizontal, e a instalación de mobiliario urbano, en concreto 11 bancos, 1 papeleira e 1 cubrecolectores. O proxecto, elaborado na Oficina Técnica Municipal, prevé, así mesmo, a creación de 600 metros cadrados de zonas verdes, dotadas de rega por goteo, e a plantación de 30 árbores.
Outras actuacións
Xa está en marcha tamén, por outra banda, a pavimentación con aglomerado da estrada municipal que comunica Arnados con Sambade. As obras foron adxudicadas a Vázquez y Reino por 542.593,78 euros. A actuación comezou coa ampliación do ancho da calzada onde foi posible e a limpeza de gabias, e agora está pendente a capa de aglomerado, nunha superficie de 26.000 metros cadrados.
Ao longo dos 4.675 metros de vía tamén se procederá á drenaxe de pluviais e á sinali-zación horizontal e vertical. Ademais, está prevista a construción de dous muros de coieira de 20 e 40 metros de longo e 1 de alto no treito comprendido entre os lugares do Igrexario e Sambade, e no lugar de Arnados construirase unha senda peonil, na marxe esquerda, nunha lonxitude de 230 metros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.