Monday 10 de March de 2025

O Concello manterá ás bonificacións ao servizo de transporte urbano neste primeiro semestre de ano, coas tarifas á metade do seu custo 


A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a saída a concurso do contrato correspondente ao servizo de salvamento, socorrismo e vixiancia nas praias da Coruña de cara á vindeira tempada de verán 

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou hoxe de que o Concello manterá as tarifas bonificadas no servizo de transporte urbano neste primeiro semestre de ano, despois de que así se ratificase na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá en María Pita. 

Lage lembrou que, xa a finais de decembro, aprobouse a ampliación desta medida ata o 30 de xuño deste ano, despois de que o Goberno estatal, a través do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible (MITMA), dese luz verde a unha prórroga das súas axudas ao transporte. “Isto supón que o Estado se siga facendo cargo do 30% da bonificación, mentres que o Concello sufraga o 20% restante”, apuntou. Desta forma, neste primeiro semestre de ano manterase o prezo á metade para as persoas usuarias da Tarxeta Millenium, de 0,38, 0,12 e 0,15 euros nas tarifas xeral, social e universitaria, respectivamente. 

“Non nos cansaremos de lembrar que a Xunta tamén podía facer achegas para contribuír ao fomento do transporte público urbano da Coruña, mais descartou esta posibilidade, polo que entendemos que o Goberno galego non aposta por fomentar a mobilidade sostible na nosa cidade. Nós, si. E así o estamos a facer desde xaneiro de 2023, mantendo as tarifas bonificadas e descartando, por exemplo, a súa suba para este ano”, indicou Lage. 

O ano pasado, o transporte urbano da Coruña rematou con máis de 27,5 millóns de viaxes contabilizadas, récord histórico do servizo.

O contrato de xestión das Bolsas Norteamérica, adxudicado 

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do contrato correspondente ás Bolsas Norteamérica con vistas ao curso que vén. A empresa New Link Education será a encargada de xestionar o programa, que inclúe 30 becas para alumnas e alumnos coruñeses que terán a oportunidade de cursar o seu primeiro ano de Bacharelato en Canadá. 

“O Concello vén impulsando esta iniciativa desde hai dúas décadas e este ano volveremos a darlle continuidade cun investimento de 650.000 euros”, apuntou José Manuel Lage. 

As bolsas inclúen a estadía coa familia anfitrioa, a escolarización nun instituto canadiense, a tramitación do visado, as viaxes de ida e volta, a asistencia sanitaria e unha axuda mensual para manutención. Ademais, o alumnado con menos recursos tamén opta a unha achega económica adicional, condicionada a un informe de vulnerabilidade social emitido previamente polos servizos sociais municipais. 

Lage lembrou que os trámites administrativos correspondentes á convocatoria 2025-26 seguen o seu curso. Tras a publicación da listaxe provisional e a apertura do prazo de reclamacións —que se pecha hoxe— nos vindeiros días darase a coñecer a listaxe definitiva de alumnas e alumnos beneficiarios das becas de cara ao vindeiro curso. 

600.000 euros para a prestación do servizo de salvamento nas praias da cidade 

Noutra orde de asuntos, hoxe aprobouse a saída a concurso do servizo de salvamento, socorrismo e vixilancia nas praias da Coruña de cara á vindeira tempada de verán. 

Lage informou que, como xa é habitual, o servizo prestarase entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, “mais o Goberno de Inés Rey xa está a traballar coa antelación necesaria para definir o dispositivo de prevención e seguridade nos areais da cidade”, que arrincará nas semanas previas coa instalación das casetas de salvamento. 

O Concello destina 600.000 euros á prestación do servizo este ano, un contrato que será prorrogable no 2026.

Deja un comentario