Monday 10 de March de 2025

O Servizo de Atención Psicolóxica do CIM de Boqueixón e Vedra atendeu a 47 mulleres no ano 2024


Case a metade das consultas realizadas tiveron relación coa violencia de xénero e agresións sexuais

 

O CIM conmemorará o Día da Muller cunha sesión de Tardes pola igualdade o venres 14 de marzo e a andaina teatralizada “No Camiño da Igualdade” o domingo 16 de marzo

 

O Servizo de Atención Psicolóxica do Centro de Información á Muller (CIM) realiza atención e asesoramento psicolóxico ás mulleres que así o demandan. Durante o ano 2024 foron 47 as persoas atendidas en Boqueixón e Vedra, concello co que se mantén un convenio de colaboración dende o ano 2018.

 

Durante o 2024, o 48,9% das mulleres atendidas acudiron por unha situación de violencia de xénero ou agresión sexual, o que deixa constancia da importancia deste servizo de proximidade para a detección e axuda a mulleres que sofren algún tipo de violencia. As restantes atencións corresponden a casos de violencia doméstica, separacións, divorcios, outras dificultades de parella e mulleres coa síndrome da persoa coidadora, entre outras demandas.

 

O CIM de Boqueixón Vedra é un servizo especializado na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero formado por unha directora-avogada e unha psicóloga. Na área psicolóxica préstase ademais atención en casos de depresión, ansiedade, baixa autoestima, dificultades de parella, problemas familiares, etc., así como apoio a persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia. Trátase dun recurso de apoio de carácter gratuíto que se presta á fin de proporcionar as ferramentas precisas para mellorar a situación emocional da persoa usuaria.

 

A atención xurídica do CIM ten lugar de luns a venres, de 8:00 a 15:00 horas; mentres que a atención psicolóxica préstase os luns, mércores, xoves e venres, no mesmo horario. En ambos os dous casos é precisa cita previa, a cal pode solicitarse chamando ao CIM (981 513 106).

 

Programa CoidarNos

 

En canto ás persoas que sofren a síndrome da persoa coidadora (que representaron o 23,5% das persoas atendidas) teñen á súa disposición o programa CoidarNos, un grupo de apoio para persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia que leva funcionando 8 anos. As reunións teñen lugar o terceiro mércores de cada mes en horario de tarde, de 17:00 a 19:00 horas, no Local Sociocultural de Sergude.

 

Actualmente hai prazas dispoñibles, polo que as persoas que estean interesadas en participar poden solicitar máis información no Departamento de Servizos Sociais e Igualdade.

 

CONSULTAS DO SERVIZO DE ATENCIÓN PSICOLÓXICA 2024
Motivo Mulleres Porcentaxe
Violencia de xénero e agresións sexuais 23 48,9%
Violencia doméstica 3 6,38%
Separación e/ou divorcio 2 4,25%
Outras dificultades de parella 4 8,5%
Persoas coidadoras 11 23,4%
Outras atencións 4 8,5%
Total 47 100%

 

Día da Muller: Tardes pola Igualdade

 

Por outra banda, de cara á conmemoración do Día da Muller, o Concello de Boqueixón organiza unha nova edición de Tardes pola Igualdade, dirixida á rapazada de Infantil e Primaria do municipio (de 3 a 13 anos), que pode estar acompañada pola súa familia. Trémola Teatro porá en escena a súa obra “Jane e Rachel”, unha iniciativa dirixida a sensibilizar en igualdade.

 

A sesión terá lugar o venres 14 de marzo, de 15:30 a 16:15 horas, no ximnasio municipal do Forte. A participación é totalmente de balde, se ben é precisa inscrición previa. As anotacións poden realizarse a través deste formulario: https://forms.gle/kP4MWsZX68AgAuh68.

 

Tardes pola Igualdade é unha iniciativa organizada polo Concello de Boqueixón, a través do Centro de Información á Muller, en colaboración do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero e o Ministerio da Igualdade.

 

Andaina teatralizada

 

Finalmente, os Concellos de Boqueixón e Vedra organizan a andaina “8M. No camiño da igualdade”, unha iniciativa para conmemorar o Día da Muller e que este ano terá lugar o domingo 16 de marzo. A andaina, duns 12 quilómetros de lonxitude, desenvolverase entre a área de recreo de Agronovo (Vedra) e a carballeira de Sucira (Boqueixón).

 

Ademais do novo percorrido, a andaina “No camiño da igualdade” presenta unha novidade: será teatralizada. Así, os Concellos de Boqueixón e Vedra buscan que a andaina deste ano sexa máis sensibilizadora en materia de igualdade. A participación é gratuíta, se ben o número de prazas é limitado. Por iso, as persoas interesadas en participar deberán anotarse antes do 12 de marzo a través deste formulario web ou por teléfono no 981 513 106 (Boqueixón) ou 669 041 486 (Vedra).

 

As persoas participantes na andaina concentraranse na área de recreo de Agronovo ás 9:30 horas do domingo 16 de marzo. Aló deixarán os seus vehículos e sairán cara a Carballeira de Sucira, percorrendo uns 12 quilómetros. A volta a Vedra farase en autobús e de balde. Ademais, terán dereito a un bocadillo e un agasallo conmemorativo do 8 de marzo.

 

Esta terceira edición da andaina “8M. No camiño da Igualdade” está financiada polo Ministerio de Igualdade, con cargo ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e polos concellos de Boqueixón e Vedra.

Deja un comentario