Monday 10 de March de 2025

O Concello pon en marcha tres ‘Rutas mariñeiras’  para promover o consumo nos mercados municipais 


Estas rutas guiadas serán nos meses de marzo, abril e maio en San  Agustín, Eusebio da Guarda e Elviña, con punto de partida desde a Lonxa 

O Concello da Coruña ven de deseñar tres novas  experiencias exclusivas para dar a coñecer a actividade dos seus mercados municipais e  poñer en valor os produtos pesqueiros capturados pola flota local. Trátase de rutas guiadas  que ofrecerán información de relevancia acerca da tradición mariñeira da cidade de forma  interactiva e educativa, sendo unha experiencia completa para todos os sentidos. 

“Desde o Goberno de Inés Rey buscamos fomentar o consumo de produto local e dos  nosos mercados a través de diferentes iniciativas, como estas rutas ou a creación dun selo  distintivo como é Peixe da Lonxa da Coruña”, indicou Diana Cabanas, concelleira de  Emprego, Comercio e Mercados. O punto de partida de todas elas será a Lonxa da Coruña,  unha das lonxas máis importantes en descargas de peixe fresco, tamén a nivel estatal e  europeo. As persoas asistentes, debidamente acreditadas, poderán coñecer o seu  funcionamento e vivir a poxa en directo, unha oportunidade única para coñecer a industria  pesqueira dende dentro.  

Os percorridos tomarán despois diferentes camiños para chegar aos mercados municipais,  un paseo por lugares emblemáticos da cidade mentres se imparten conceptos sobre artes  de pesca, sostibilidade ou como se garante a frescura e calidade dos produtos ata chegar  ao punto de venda. O destino será en cada ruta un mercado da cidade, onde se destacarán  os seus aspectos diferenciais. Os propios praceiros e praceiras participarán informando aos  grupos sobre o seu traballo diario e o produto en venda. 

Para finalizar, ofrecerase unha degustación especialmente elaborada para a ocasión con  produto pesqueiro local, incluíndo bocados tanto tradicionais como innovadores.  Culmínanse así estas rutas mariñeiras onde se acompaña ao peixe e marisco dende o mar  á mesa.

Estas son as rutas e as datas de celebración de cada unha: 

Ruta 1 – Lonxa > Xardíns Méndez Núñez > Mercado San Agustín Xoves 13 de marzo 

A Coruña vista desde o seu deseño, arquitectura e patrimonio cultural, co Mercado de  San Agustín como exemplo da súa evolución urbanística e modernidade. 

Ruta 2 – Lonxa > Efectos Navais Pombo > Mercado de Eusebio da Guarda Xoves 10 de abril  

A Coruña, coa súa rica tradición pesqueira, ve no Mercado de Eusebio da Guarda unha  testemuña histórica, onde a pesca local segue sendo protagonista. 

Ruta 3 – Lonxa > Parque de Oza > Mercado de Elviña 

Xoves 15 de maio 

A Coruña como cidade cómoda e funcional, e o Mercado de Elviña reflectindo esta  esencia co seu deseño práctico, ideal para o comercio local e próximo. 

A inscrición xa está aberta para todas aquelas persoas interesadas en participar, con prazas  limitadas. Atoparán o enlace de inscrición na web do Concello da Coruña, no apartado de  Mercados. Poderán informarse tamén a través das redes sociais de Mercados Coruñeses. 

O Concello organizará paralelamente visitas con escolares de diferentes centros educativos  da cidade para achegar á infancia nesta experiencia, adaptando as actividades á súa idade.  O Goberno de Inés Rey quere amosar que os mercados municipais seguen a ser espazos  de encontro social e comercial para as coruñesas e os coruñeses. Ademais de gardiáns da  tradición pesqueira, son o verdadeiro corazón da cidade que latexa cada día.

O Concello da Coruña é beneficiario dunha axuda concedida ao abeiro da Orde do 28 de  decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de  axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo  (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do  Fondo Europeo Marítimo de Pesca e da Acuicultura 2021-2027, e concretamente para o  GALP Golfo Ártabro Sur ó que pertence o Concello da Coruña.

Deja un comentario