Monday 10 de March de 2025

Arrinca no mercado municipal a segunda edicións de MercaEscola, a aula de formación e información para persoas adultas


Podes descargar o impreso de inscrición ao final desta nova ou recollelo na entrada principal da casa do concello

A Concellaría de Feiras e Mercados presenta unha nova edición de MercaEscola, o programa formativo e informativo para persoas adultas que se desenvolverá na aula de formación do mercado municipal desde o 10 de marzo ata o 26 de maio.

 

MercaEscola volve incluír 12 actividades repartidas en tres bloques principais -consumo, saúde e medio ambiente-, aínda que este ano incorporamos como novidade o café con, no que contaremos coa profesora da UDC e investigadora Verónica Bolón, experta en Intelixencia Artificial (IA). Este é o programa:

  • 10 de marzo. Técnicas básicas de primeiros auxilios, coa colaboración do alumnado do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
  • 17 de marzo. O servizo municipal de control de pragas: que servizos presta, como funciona?
  • 24 de marzo. Obradoiro “A sexualidade non ten idade”, coa educadora social e sexóloga Cintia González.
  • 31 de marzo. Onde vai parar a roupa usada? Técnicos da Fundación Humana explicarán que se fai coa roupa que depositamos nos colectores específicos para téxtil.
  • 7 de abril. “A saúde empeza pola nutrición”. Arredor do Día Mundial da Saúde realizaremos un taller teórico-práctico.
  • 14 de abril. O ciclo integral da auga. Coñeceremos as instalacións do ciclo integral da auga nunha visita guiada por persoal de Gestagua.
  • 21 de abril. Taller de medio ambiente coa asociación Senda Nova sobre pegadas e indicios da nosa contorna.
  • 28 de abril. Intelixencia emocional. Aprenderemos a recoñecer as nosas propias emocións e as dos demais e a poñer nome aos nosos sentimentos.
  • 5 de maio. Charla-café con Verónica Bolón sobre Intelixencia Artificial.
  • 12 de maio. Os servizos públicos en Galicia. Cales son os máis importantes? Como podemos facer valer os nosos dereitos?
  • 19 de maio. O coidado das plantas no fogar. Coñeceremos as especies máis axeitadas para as nosas casas e como coidalas coa paisaxista e enxeñeira técnica agrícola Carmen Alonso. Colabora Coregal Parques e Xardíns.
  • 26 de maio. Arredor da Semana Europea contra o Cancro volveremos contar co oncólogo Alfonso Mariño.

 

As persoas que asistan a todo o curso recibirán ao remate un diploma acreditativo, pero tamén é posible inscribirse para sesións soltas. Dado que as prazas son limitadas, terán preferencia as persoas que e anoten para o curso completo. O impreso pode descargarse ao final desta nova ou recollerse na entrada principal da casa do concello, e poderá entregarse presencialmente neste mesmo punto ou ben enviarse por e-mail a comunicacion@carballo.gal. O prazo está aberto ata o mesmo luns 10 de marzo ou ata completar prazas. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. A matrícula e as sesións son de balde.

Deja un comentario