Saturday 16 de November de 2024

Feijóo defende a cooperación municipal para evitar que os límites entre concellos sexan un obstáculo para prestar os mellores servizos


“Cómpre que levantemos a vista máis aló das liñas divisorias entre un municipio e o outro. Os límites dos nosos municipios non poden ser unha muralla que nos impida ver os problemas dos cidadáns e os mellores xeitos de solucionalos”, di

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe a cooperación municipal para evitar que os límites entre concellos sexan un obstáculo para prestar os mellores servizos. “Cómpre que levantemos a vista máis aló das liñas divisorias entre un municipio e o outro. Os límites dos nosos municipios non poden ser unha muralla que nos impida ver os problemas dos cidadáns e os mellores xeitos de solucionalos”, dixo, ao que engadiu que a cooperación municipal “é o mellor xeito de tombar esa muralla”.

Durante o acto de entrega dos premios Coopera Galicia Entidades Locais 2015, e logo de recoñecer a importancia do labor que desenvolven os concellos como a Administración máis próxima ao cidadán, Feijóo recordou que Galicia soubo responder ante a recesión económica cunha palabra: cooperación .

“Traballando ombro con ombro, compartindo experiencia e recursos e pensando nos cidadáns logramos varios fitos”, aseverou, lembrando que o pasado día 22 de febreiro, catorce alcaldes da área Vigo chegaron a acordar a constitución dunha área metropolitana. “E, grazas á culminación deste proceso, medio millón de galegos terán un mellor servizo de residuos colectivo, un servizo de transporte metropolitano coordinado, unha política urbanística común e unha actividade de promoción económica, comercial, turística e cultural conxunta”, abundou.

Así mesmo, referiuse ao anuncio do inicio da segunda fusión municipal de Galicia nas últimas catro décadas, “e que pode rematar na unión de Cerdedo e Cotobade”. E, salientou que hai catro anos tamén os alcaldes de Oza dos Ríos e de Cesuras emprenderon a súa fusión voluntaria.

Porta de entrada ao que pode ser a Administración local española do futuro
Durante a súa intervención, Feijóo afirmou que o paso do tempo e o apoio cidadán demostraron que o camiño da integración municipal é o camiño correcto. E, nesta liña subliñou que coa súa confianza, “puidemos impulsar importantes cambios legais”.

“Desde 2013, a lexislación básica en materia de réxime local incentiva as fusións aumentando o financiamento dos concellos que se acollan a elas -foi a Xunta quen suxeriu ao Goberno central incluír esta modificación legal-. Ademais, desde este mesmo ano, a nosa lexislación autonómica complementa á estatal no fomento destes procesos. Así, desde a Xunta axudaremos aos concellos que se fusionen a elaborar a súa relación de postos de traballo, inventario de bens e dereitos e o seu plan de ordenación; blindamos legalmente as vantaxes das que dispoñen para optar a subvencións; e creamos un fondo especial que apoiará con máis de 2 millóns de euros o asentamento destes novos concellos”, precisou.

Diante destes feitos, Feijóo asegurou que a aposta pola cooperación municipal “é a porta de entrada ao que pode ser a Administración local española do futuro”.

No tocante aos premiados, o titular da Xunta destacou a entrega dos dous primeiros premios desta convocatoria dos Coopera Galicia a dous proxectos orientados a previr o machismo e a súa consecuencia máis infame: a violencia sobre as mulleres.

“A Mancomunidade da Mariña presentou un proxecto pioneiro a nivel estatal que permitirá a 15 concellos moi distintos entre si desenvolver un programa conxunto e permanente para loitar contra a violencia de xénero. E a Mancomunidade da Comarca de Ferrol foi premiada pola xestión conxunta do servizo de acollida ás mulleres que sofren violencia de xénero e os seus fillos”, explicou, ao que engadiu que o terceiro dos proxectos galardoados presentouno a Mancomunidade da Serra do Barbanza, que xestiona de xeito conxunto a recollida de residuos eléctricos e electrónicos mediante un sistema de “porta a porta”.

Feijóo afirmou que a promoción da igualdade entre mulleres e homes e a atención ás vítimas de desigualdades son asuntos que demostran que a cooperación e o entendemento entre administracións locais son indispensables. Non en van, se en 2012, só un par de mancomunidades xestionaban centros de información á muller que abranguesen varios concellos (eran 16 os concellos que compartían eses dous CIM); en 2013, a xestión compartida empezou a puntuar para obter axudas económicas e hoxe hai 117 concellos que ofrecen de maneira conxunta 30 destes centros.

“É indiscutible o importante labor que fan estes Centros de Información á Muller. Tamén o é que a xestión compartida permitiu que máis persoas puidesen acceder aos seus servizos”, asegurou, subliñando que na actualidade se está a impulsar un novo decreto regulador que seguirá avanzando nesta dirección, ao permitir que poidan ser titularidade dunha agrupación de concellos.