
Os concelleiros Manuel Vázquez e Nereida Canosa animaron a cidadanía a participar nesta primeira data do calendario de Coruña Corre. A participación na andaina é gratuíta
O vindeiro sábado 15 comezará a nova edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que arrincará na Torre de Hércules coa XIII Baixada Popular e a celebración da quinta Andaina Solidaria polo 8-M.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, apuntou hoxe que xa son máis de 2.300 as persoas que se inscribiron con vistas á primeira data do calendario de Coruña Corre, que, como vén sendo habitual estes últimos anos, se organiza cunha perspectiva transversal e combínanse as probas de competición coas actividades programadas polo Día da Muller.
Este domingo 9, ás 23.59 horas, rematará o prazo para inscribirse. As persoas interesadas en participaren na carreira da Torre ou na andaina polo 8-M poden facelo a través da páxina web de Coruña Corre. Neste sentido, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, lembrou que a participación na andaina é gratuíta e animou a cidadanía a sumarse a esta proposta “que, ano tras ano, amosa a implicación e compromiso da Coruña coa igualdade”.
A xornada deportiva comezará ás 17.00 horas no paseo dos Menhires
O Concello xa está a ultimar os preparativos de cara á xornada deportiva do sábado 15, que arrincará ás 17.00 horas no paseo dos Menhires, coas categorías inferiores. Abrirán camiño as nenas e nenos participantes na quenda de ‘peques’ e, xa a continuación, sairán as e os inscritos nas sub-10, sub-12, sub-14, sub-16 e sub-18.
Será ás 20.00 horas cando comece a carreira popular absoluta, cun percorrido de 6.625 metros e, pouco despois, ás 20.05 horas, sairán as persoas participantes na andaina solidaria, de case cinco quilómetros de trazado.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.