O contrato, establecido para un período de tres anos, poderá ser prorrogado ata un máximo de catro
A Sociedade Galega do Medio Ambiente licita, por un importe máximo de 446.400 euros (máis IVE), a prestación do servizo de xardinería e mantemento de zonas verdes do seu complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña). O contrato, a realizar por un período de tres anos, poderá ser prorrogado ata un máximo de catro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe este anuncio http://goo.gl/QWm9kz.
Os traballos a desenvolver vincúlanse ao mantemento e conservación de zonas axardinadas e arbóreas, así como de pequenas plantacións, contemplando, entre outras, operacións tales como o cortado, podado, preparación de terras, abonos, plantación de calquera especie de elemento vexetal, recorte e limpeza de ramas, sega de céspede, recollida de elementos vexetais, recorte de arbustos, preparación de insecticidas, e protección e entutoraxe de árbores, arbustos e trepadoras.
É por isto que se fai necesario que o persoal integrado no servizo estea debidamente formado na materia, distribuíndose os operarios entre o equipo permanente asociado ao complexo medioambiental, no que se integrarán dous oficiais de primeira xardineiro, e o equipo de estrutura para desbroce.
O adxudicatario prestará o servizo cos seus propios medios materiais, especificando a marca, modelo, características e número de unidades de maquinaria e equipamentos que se destinarán en exclusiva a este contrato.
En canto aos produtos a utilizar, faise necesario que na oferta a presentar polas empresas interesadas se indique a composición, formato e fabricante dos mesmos, así como as súas concentracións, mecanismos de acción e persistencia, poñendo a disposición de Sogama a ficha de seguridade de cada un.
Garantías e penalizacións
A fin de garantir a correcta prestación do servizo, o incumprimento das prescricións do prego durante a execución do contrato traerá consigo unha serie de penalizacións que derivarán na execución dun plan de resposta por parte do adxudicatario, á vez que se propiciará a recuperación do custo económico producido, inhibindo desta forma a unha posible reincidencia.
Unha vez firmes, as penalizacións detraeranse directamente das facturas mensuais correspondentes.
Pola súa banda, a dispoñibilidade media de todos os equipos debe ser maior ou igual ao 95%. No caso de que esta sexa inferior, aplicarase unha sanción anual do 1% sobre o importe total do contrato por cada punto inferior ao valor referenciado ata un mínimo do 90%, en cuxo caso Sogama resérvase o dereito a rescindir o contrato.
O prazo para a presentación de ofertas finaliza ás 13,00 horas do próximo 18 de abril.