
Centos de persoas do municipio e da contorna achegáronse á Praza do Telleiro para gozar cunha festividade que se consolida co seu cambio de día ao luns
Este ano, os premios económicos aos mellores disfraces ampliáronse tamén á categoría infantil
O Entroido de Paderne afiánzase. Por segundo ano consecutivo, a localidade celebrou a súa festa de disfraces en luns. A Praza do Telleiro foi, de novo, o lugar escollido para que as persoas de todas as idades do municipio e os seus arredores se xuntasen para gozar dun evento cheo de cor e que contou con actividades, música en directo, merenda e premios.
A tarde-noite estivo cargada de iniciativas dentro da ampla programación deseñada polo Concello de Paderne e focalizada neste día no que a veciñanza respondeu acudindo por centos á festa.
A actividade comezou sobre as 17:30 horas, cunha festa infantil distribuída entre obradoiros, inchables, concurso con premios e mesa infantil. Así, os pequenos e pequenas puideron gozar dunha tarde moi divertida baixo a carpa do Telleiro aproveitando as vacacións escolares e luciron as súas mellores galas en forma de variados disfraces.
Xa ás 20:30 horas chegou o cambio de quenda, marcado pola actuación de Aixa Romay, que deu inicio a unha faixa máis enfocada cara os adultos pero na que, por suposto, tamén estiveron os nenos e nenas. De feito, todas as persoas asistentes puideron gozar dunha merenda necesaria para coller forzas e do concurso de disfraces.
Como novidade, este ano houbo premios económicos para as mellores vestimentas tamén na categoría infantil e aos grupos de adultos. Ambas as dúas categorías súmanse á individual de adultos, que xa existía en edicións anteriores.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.